Baiona celebra as Festas da Anunciada con Efecto Pasillo, Söber e Gisela

Baiona celebra a próxima fin de semana as súas festas patronais na honra da Virxe da Anunciada. O venres 6 de agosto o programa comezará ás 11:00 da mañá co lanzamento de 12 bombas de palenque. Ás 20:00 horas, os Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal acollerán o espectáculo infantil “Circo Galaico” a cargo de “Títeres Alakran”. Trátase dun espectáculo de monicreques dirixido ao público familiar onde a maxia e o fantástico mestúranse co autóctono e os animais da fauna galega están representados por marionetas de madeira. Pola noite, ás 23:00 horas, Efecto Pasillo ofrecerá un concerto no Parque da Palma, para o que se será necesario reservar butaca na web oficial do Concello de Baiona.

O sábado 7 de agosto ás 20:00 horas celebrarase na Igrexa de Santa María de Baiona a Misa Solemne na honra da Virxe da Anunciada cantada polo Coro Parroquial. Con motivo da pandemia provocada polo Covid-19, non haberá a tradicional procesión polas rúas do casco vello nin as actuacións da Danza das Espadas nin da Banda de Música de Baiona. Ás 23:00 horas, actuará o grupo Söber no Parque da Palma, con reserva de butaca obrigatoria a través da web oficial do Concello de Baiona.

O domingo 8 de agosto, o espectáculo “Gisela Concert Kids” pechará a programación prevista, ás 21:00 horas no Parque da Palma. Trátase dun show-concerto pensado para os máis pequenos e pequenas. Gisela, unha fada máxica, dará unha viaxe repasando os temas infantís máis populares de todos os tempos. Acompañando a Gisela cinco bailaríns/cantantes que ambientarán cada tema musical para facelo aínda máis máxico. Para este evento tamén será necesaria a reserva de butaca na web oficial do Concello de Baiona.