Unha escultura promociona en Baiona o Camiño de Santiago por mar

Unha escultura simbólica situada no Paseo Ribeira distingue a Baiona como parte da iniciativa coa que se quere chamar a atención dos navegantes para promocionar a peregrinación a Santiago por mar. Trátase dunha iniciativa lanzada por Portos de Galicia para impulsar a náutica de recreo na comunidade coincidindo co Xacobeo.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salienta que a celebración do Xacobeo entre este ano e o próximo é unha oportunidade para os portos deportivos de Galicia pois pode contribuír a que recuperen os niveis de actividade previos á alerta sanitaria polo coronavirus. Neste sentido, a instalación deste símbolo supón que os visitantes de Baiona coñezan a posibilidade de realizar o Camiño de Santiago por mar, o que facilitará que esta travesía marítima sexa máis coñecida e sume adeptos no resto de España e de Europa.

A instalación destes indicadores nos portos galegos comezou a principios de xuño coincidindo co inicio da vertente galega da travesía náutica xacobea Navega o Camiño e coa inauguración da onda xacobea do porto de Ribadeo. Na actualidade hai xa preto dunha trintena de peiraos de titularidade autonómica que contan xa con este distintivo e a eles poden sumarse outros de titularidade estatal -como xa fixeron o da Coruña e o de Vigo- ou embarcadoiros dependentes dos concellos se así o desexan.

Por iso, a representante do Executivo galego anima ao resto de entidades portuarias a sumarse a esta iniciativa para impulsar a actividade e os tránsitos na súa contorna e para dar a coñecer os atractivos de realizar o Camiño de Santiago por mar. Rosa Quintana salienta que os portos deportivos galegos contan cunhas instalacións e cuns servizos da máxima calidade, polo que se mostra convencida de que aqueles que decidan recalar neles, tanto ao abeiro do Xacobeo como pola súa conta, repetirán a experiencia.

Distintivos

Estas esculturas -que consisten nun banco con forma de onda fabricado en formigón armado branco e co nome do porto no que se coloca- inclúen unha nota sobre a orixe do peirao e a súa actividade histórica baseada no estudo do investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e doutor de Historia Medieval da Universidade de Vigo, Francisco Javier Pérez Rodríguez.

O deseño destes indicadores, realizados polo arquitecto Lucas Díaz, pretende evocar o perfil costeiro de Galicia, as montañas e os ríos que conflúen no mar ou os propios camiños que entran na comunidade con curvas sinuosas para adaptarse á orografía co obxectivo de que sexa un sinal de identidade do Camiño por mar.