O gondomareño Daniel Fernández completa os 161 quilómetros entre A Guarda e o Obradoiro en pouco máis de 26 horas

Reto superado. O gondomareño Daniel Fernández Cerzón completou en 26 horas e 20 minutos os 161 quilómetros que separan A Guarda de Santiago de Compostela nunha soa etapa “non stop”, cunha dobre intención, visibilizar a Síndrome de Usher, unha enfermidade rara que padecen centos de persoas no mundo, e recadar alimentos que irán destinados a SOS Tomiño-Baixo Miño, que axuda a centos de familias do Baixo Miño que padecen unha situación difícil, e cos que xa colaborou o pasado ano noutro reto no que recadaron 100 quilos de alimentos.

Ás 18:00 do mércores arrancaba o reto. “O pistoletazo dábao un dos fundadores do meu club, a calor notábase desde un principio, pero a paisaxe e a emoción era incrible, os seguintes quilómetros en compañía de Keyman e así entre charlas chego a Baiona, onde chega o momento de Riki e a pequena (agora xa non tan pequena) guerreira que me motivou a facer isto e alegroume moito vela de novo tan feliz”, relata o mozo deportista.

“Na madrugada chegamos a Vigo e logo vin amencer chegando a Pontevedra -continúa contando Daniel-. Desde Pontevedra centos de peregrinos percorrían o camiño, algo que me gusta moito xa que o camiño é máxico. Chega a temida calor e vaia se pegou, a cada fonte e bar tiña que parar a encher bebida e coller algo de comida. Chega Padrón e alí a compañía de Antonio, o cal me levaría polo aire ata o Obradoiro”.

“E chegamos, pisamos o Obradoiro tras 26 horas e 20 minutos, moi feliz e emocionado por lograr este reto que podería ser dos máis difíciles ata a data. Grazas aos meus animadores particulares por esperarme na meta e darme ese abrazo tan necesario. Síntome atafegado polas mostras de apoio que me destes estes días, centos de mensaxes e durante o reto moita xente parábase a animarme e interesarse pola causa, alegría por poder compartir quilómetros con moitos de vós”, conclúe o gondomareño.

Na web de SOS-Tomiño-Baixo Miño pódense ver as diferentes formas de colaborar. Os interesados en doar alimentos da zona Baixo Miño-Val Miñor ou Vigo poden poñerse en contacto con Daniel no seu instagram, facebook ou no teléfono 638 377 479, e el mesmo encargarase de recollelos e facerllos chegar á súa sede en Tomiño.

Doazóns:

laCaixa: ES31 2100 4713 11 0200049818
Abanca: ES90 2080 5064 84 3040013927