
O artista invidente Serafín Zubiri, acompañado para a ocasión pola pianista e directora do Conservatorio de Música de Gondomar Brenda Vidal e da Agrupación Musical de Vincios, protagonizarán este sábado 31 de xullo as festas de San Fiz co concerto inclusivo “Recordando a Nino Bravo” (Torreiro do Ceán, 22:00 horas). Con esta unión de talentos proposta desde o grupo de accesibilidade universal “Un Nigrán para todos”, o Concello festexará o día do patrón do municipio. Unha persoa interpretará en lingua de signos cada canción e as persoas xordas que desexen asistir poden solicitar xa as mochilas vibratorias a través do mail info@entresignos.com ou no WhatsApp 690679675. O evento, organizado polo Concello de Nigrán a través do programa municipal #MúsicaNasParroquias, conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias.
Ademais, o mesmo venres 31 de xullo, con motivo desta festividade, o mago Rey Midas ofrecerá ás 19:00 horas na Praza do Concello o espectáculo familiar “Carusso-Carulo. El chef mágico”. E xa o sábado 1 de agosto, no propio día de San Fiz e no torreiro, a Banda de Música de Belesar ofrecerá tras a Misa Maior o tradicional concerto das 13:00 horas.
“O ano pasado despedimos o verán con este mesmo concerto de Zubiri en setembro, naquela ocasión a choiva obrigou a parar a actuación por momentos pero, pese a todo, o público estaba tan entregado que nos comprometemos a volver a traelo, así que agora repetimos coa confianza de que esta vez o ceo estará despexado. Será unha noite chea de emocións”, explica o alcalde, Juan González.
O espectáculo, co que percorreu máis de cen localidades do país, está estruturado en tres bloques nos que fai un percorrido cronolóxico polas cancións máis coñecidas dos cinco discos de Nino Bravo. Entre cada bloque, a banda interpretará unha canción instrumental e se proxectarán imaxes dos momentos máis importantes da carreira do valenciano. “A idea é crear un clima emocionante onde Zubiri, representante de España en Eurovisión en 1992, repasará temas emblemáticos do tamén eurovisivo Nino Bravo, como “Te quiero, te quiero”; “Noelia”; “Un beso y una flor”; “América”; “Libre”…”, explica González.
A vida de Serafín Zubiri estivo protagonizada pola superación a través da música e do deporte. A súa cegueira de nacemento non lle impediu sacar adiante a súa carreira como artista -editou oito discos- e fraguar un gran currículo deportivo. De feito, en 1992 foi elixido para representar a España en Eurovisión coa canción “Todo esto es la música”, e no Nadal dese mesmo ano interpretou o tema central da banda sonora da película de Disney “La Bella y la Bestia”. No ano 2000 representou a España por segunda vez no Festival da Canción con “Colgado de un sueño”, sendo seleccionado por votación popular. Como deportista, fixo incursións en distintas disciplinas, como submarinismo, paracaidismo ou salto desde pontes, aínda que especialmente atletismo e montañismo.
“É un exemplo para todos de superación e o mellor representante que podemos ter para este concerto inclusivo”, resume González, quen agradece a enorme disposición para unir talentos das tres partes: Zubiri, Agrupación Musical de Vincios e Brenda Vidal.