
Este xoves 29 de xullo celebrarase ás 20:00 horas no Parque da Coelleira de Gondomar (recinto do antigo matadoiro), a presentación do poemario “Notas sobre a extinción” de Marta Dacosta Alonso, publicado na colección Dombate de Editorial Galaxia, organizada coa colaboración da libraría Libraida. Acompañarán á autora o xornalista e poeta Manuel Xestoso, Luís O Caruncho, que interpretará poemas musicados, e Tokio, debuxando en directo.
Esta obra nace da capacidade de asombrarnos e descubrirmos a fermosura das pequenas cousas, de comprobar, unha vez máis, que a poesía é quen de borrar os límites do tempo e o espazo e de fixar, coma unha alfaia imprescindible, cada unha das palabras que nos construíron e nos negamos a perder. Poesía-antídoto. Poesía-paz. Contemplar e reconciliarnos coa vida. Descubrir que a beleza aínda é posíbel. Retela canda nós.
Marta Dacosta Alonso (Vigo, 1966) comezou a publicar poesía na década de 1980, a través de colaboracións en diferentes revistas. O seu primeiro libro publicouse en 1993. Recibiu o accésit do premio Esquío e os premios González Garcés, Martín Codax, O Figurante e Johán Carballeira, entre outros. A súa obra foi recollida en antoloxías e traducida a varias linguas, sendo musicados algúns dos seus poemas ou incorporados a proxectos teatrais. Entre a súa obra poética destacan: “Crear o mar en Compostela”, “Pel de ameixa”, “Setembro”, “En atalaia alerta”, “As Amantes de Hamlet”, “Cinsa”, “Acuática alma”, “Argola”, “Dun lago escuro”, “Na casa da avoa” e “Labirinto ou memoria”.