Nigrán inicia os trámites para irmandarse co municipio portugués de Castanheira de Pera

O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario deste luns coa unanimidade da corporación unha moción para iniciar os trámites do anunciado irmandamento coa localidade lusa de Castanheira de Pera, cuestión que a Covid-19 retrasou máis do desexado. Ambos rexedores acordaran no 2019, na celebración do aniversario dos incendios de 2017 en Chandebrito, formalizar esta unión (Nigrán está paralelamente oficializando o irmandamento co coruñés de Valdoviño). Á súa vez, unha representación do goberno nigranés acudirá como invitada ás celebracións do 8 de agosto en Castanheira, no seu día grande, para continuar cos trámites alí.

O vínculo entre Nigrán e a localidade de Castanheira de Pera (rexión central de Leiría) transcende máis alá da histórica unión Galicia/Portugal ao ter compartido ambas localidades unha experiencia traumática que, precisamente, se desexa reverter con este irmandamento: neste municipio portugués faleceron en xuño de 2017 un total de 47 persoas calcinadas nos seus vehículos mentres trataban de fuxir do lume pola estrada N236 que comunica con Figueiró dos Vinhos. Só catro meses despois, as parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que supuxeron a vida de dúas mulleres nunha evacuación errada, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas; mentres que o incendio do 17 de xuño de 2017 en Portugal está considerado como o peor da súa historia recente ao causar 66 mortos, máis de 250 feridos e 46.000 hectáreas calcinadas entre Pedrógão Grande, Castanheira de Pera, Figueiró dos Vinhos, Alvaiázere e Ansião, na rexión central do país.

“As vidas humanas son irreparables, a dor inconmensurable, e a testemuña do vivido non se debe esquecer nunca. Sen embargo, tanto desde o goberno nigranés como desde o de Castanheira, se desexa ver o futuro con esperanza e que desas cinzas de 2017 prenda un irmandamento entre ambas localidades que permita intercambiar experiencias e compartir proxectos ilusionantes”, explica o alcalde nigranés, Juan González.

Ademais deste vínculo emocional que comparten ambas localidades, tamén teñen en común o seu encanto paisaxístico, a gran biodiversidade natural e a experiencia turística que proporciona riqueza económica a ambos territorios e que se poderá ver aumentada con esta unión. Máis alá do propio irmandamento, ambos territorios, de 3.600 y 18.000 habitantes respectivamente, traballarán conxuntamente para conseguir fondos europeos interrexionais de programas como “Europa para las personas”, destinado a financiar encontros, visitas, xornadas….

“Galicia e Portugal son verdadeiramente pobos irmáns ao ter compartido unha mesma lingua e cultura froito dun pasado histórico común. Os lazos entre ambos pobos son evidentes e en Nigrán cobran un especial significado ao situarse a orixe dos devanceiros de Luis Vaz de Camöes (poeta universal portugués autor de ‘Os Lusíadas’) na parroquia de Camos (de aí o topónimo)”, incide González.