Nigrán comprométese a evitar a emisión de 23.271 toneladas de CO2 á atmosfera de aquí ao 2030

O Concello de Nigrán aprobou unanimemente no pleno ordinario deste luns o plan de acción do “Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía” cofinanciado con fondos Feder e da Xunta de Galicia para acadar unha redución das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030. Isto supoñerá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmosfera tomando como referencia as cifras do ano 2017.

“Reduciremos a emisión en 1,32 toneladas per cápita só a través de iniciativas de competencia municipal, como é o cambio a iluminación LED no alumeado público”, explicou o alcalde, Juan González, en referencia a este pacto ao que Nigrán se subscribiu oficialmente o 5 de agosto de 2019.

Así, o Plan de Acción presentado polo goberno local neste pleno ordinario sinala como liña mestra o troco a iluminación LED como a fórmula estrela para acadar ese aforro do 40% de emisións. Como proba irrefutable, a través do troco que vén levando a cabo o Concello en diferentes rúas nos derradeiros catro anos, o consumo pasou de 4,8 millóns de Kw/hora/ano a 3,6 millóns, cuantificándose o aforro en 61.839 €. Outro dos obxectivos de cara a 2030 é que polo menos o 27% da enerxía empregada polo Concello proveña de fontes renovables.

O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008 e reúne xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo, está coordinado en Galicia pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello de Nigrán contribuiría á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable.