Nigrán aproba o regulamento do Consello Sectorial da Infancia e da Adolescencia

O Concello de Nigrán dá un paso máis de cara ao recoñecemento “Cidade Amiga da Infancia” (CAI) que concede o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) coa aprobación unánime do regulamento que rexerá o Consello Sectorial da Infancia e da Adolescencia. Este novo órgano municipal aprobado este luns nace para situar na axenda local os verdadeiros intereses e necesidades de cativos e adolescentes, xa que a través del poderán participar na vida política de Nigrán realizando propostas, seguindo as mesmas, pedindo información, etc. O goberno consignará xa para desenvolver todas as actividades do selo “CAI” unha partida orzamentaria de 10.000 €.

A partir de setembro, os 21 nenos (dous por cada aula de 5º, 6º de Primaria e 1º da ESO de cada unha das escolas públicas ou concertadas de Nigrán) reuniranse durante o curso escolar unhas decena de veces co obxectivo de trasladar todas as súas peticións a este Consello Local da Infancia e da Adolescencia, este novo órgano sectorial presidido polo alcalde, constando dun secretario, dous vogalías de adultos con voz pero sen voto (dous representantes de ANPAS, un de cada grupo político municipal, un técnico municipal, un concelleiro das áreas máis implicadas, un representante de “Un Nigrán para todos”) e, por descontado, todos os integrantes do Consello de Participación Infantil e Xuvenil (21 nenos, dous por cada aula de 5º, 6º de Primaria e 1º da ESO de cada unha das escolas públicas ou concertadas de Nigrán).