Dominio esmagador de Suárez e Iglesias no 54º Rallye Recalvi Rías Baixas

Finalmente non houbo sorpresas; Jose Antonio “Cohete” Suárez e Alberto Iglesias impuxéronse no 54º Rallye Recalvi Rías Baixas, terceira proba da tempada puntuable na Copa de España de Rallyes de Asfalto (CERA). Os asturianos do Skoda Fabia Rally2 dominaron o rallye de principio a fin e só deixáronse polo camiño o último scratch do día, que ademais foi a parar a outro dos equipos patrocinados por Recalvi: o do tamén asturiano Óscar Palacio, nesta ocasión copilotado por Nacho Aviñó. A pesar de todo, non puido pasar da sétima posición, lastrado por dúas picadas na etapa do sábado.

Pola súa banda, o outro dos puntos de atención da xornada, a gran pelexa pola segunda posición mantida entre Jorge Pérez – Avelino Martínez e Sergio Vallejo – Álvaro Louro, finalmente decantouse ao lado do equipo salcedense co Citroën DS3 R5, que segue sumando podios e destacados resultados alí onde participa. Un total de 24 segundos separaron a ambos os dous equipos na loita por ser o seguinte clasificado tras os brillantes vencedores deste rallye.

Fóra xa do podio, Pablo Rey e Albert Orriols (líder actual do Campionato Catalán de Rallyes) completaban o grupo de cinco primeiros clasificados. David González e Gustavo Piris, sextos, eran os mellores entre os vehículos da categoría N5.

Destacables tamén foron os resultados cultivados polo equipo do naronés Jorge Cagiao e Amelia Blanco, gañadores entre as dúas rodas motrices, ou o do vigués Pablo Pazó, copilotado por Ezequiel Salgueiro, quen logrou finalmente meterse no top ten do Rías cun vehículo da categoría histórica: un Talbot Sunbeam Lotus.

Da mesma forma, dentro do Criterium Recalvi, aberto a vehículos que non contan xa con homologación para disputar probas do nacional, Abel Pampillón e Pablo Gregorio vencían na clasificación xeral así como na de Youngtimers, mentres que David Fernández e Efrén Leal, segundos clasificados do criterium, levaban tamén a categoría 5.

Salvo algunhas situacións puntuais, inherentes a unha proba deportiva de motor, o retorno do Rallye Rías Baixas ao nacional saldouse de forma satisfactoria para a organización da proba, ausente neste certame desde o ano 2015.