OVALMI non ve viable esixir un certificado de vacinación ou proba negativa na hostalería

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Terraza en Nigrán.

Desde a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), queremos poñer de relevo a difícil situación na que se atopa a hostalería. Coa chegada da pandemia e a declaración do estado de alarma o 14 de marzo de 2020, comezamos unha nova etapa que marcaría a nosa vida e o ritmo da mesma ata o día de hoxe. Como é ben sabido, todos os sectores produtivos víronse gravemente prexudicados, moitos deles víronse obrigados a levar a cabo reducións de persoal ou mesmo o peche dos seus negocios. Sufriron medidas tales como a paralización total da súa actividade ata a redución de aforos ou limitación de horarios, algunhas das cales se manteñen a día de hoxe.

Ao longo deste, case, ano e medio, o sector da hostalería foi, sen dúbida, o máis castigado e culpabilizado dos contaxios que se producían. Como quedou claramente demostrado, nin son os culpables nin son os causantes dos contaxios nin do incremento do número de contaxiados. Somos moi conscientes que, toda a poboación en xeral e os empresarios en concreto, debemos ser moi prudentes e responsables coas nosas actuacións. Somos unha Asociación, cunha traxectoria de case 30 anos, que vela polos intereses dos seus de 350 asociados, concentrados a gran maioría no Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán), de todos os sectores, entre eles a hostalería.

O mércores, 21 de xullo, o presidente da Xunta de Galicia, anunciaba un cambio nas medidas e restricións a partir deste sábado día 24 de xullo e que afectarán directamente os tres concellos do Val Miñor, que pasarán a nivel alto. A publicación oficial, producíase onte xoves no DOGA, reflectíndose nel, as novas normas que debemos seguir, onde este cambio de nivel, trae duras restricións, sobre todo para a hostalería. O desconcerto entre este sector fíxose visible a través das múltiples chamadas e mensaxes que se recibiron na Asociación, unha vez produciuse a comparecencia pública, por parte de D. Alberto Núñez Feijóo.

Os hostaleiros non ven viable que toda persoa maior de 12 anos deba presentar un certificado de vacinación ou unha PCR (ou similar), con menos de 72 horas, onde se diga que é negativo. Este requisito levaría a moitas familias que aínda non teñen a pauta completa de vacinación deixen de acudir aos establecementos hostaleiros e aínda menos ao ter que desembolsar unha cantidade económica para a realización de PCRs a todos os membros da familia que non estean vacinados na devandita data.

Aínda que somos conscientes que esta obrigación non se mantén en terrazas, debemos ser realistas da zona na que vivimos, estamos en Galicia, o noso clima non é estable, nin sequera no verán, concretamente esta fin de semana no cal entrarían en vigor as novas normas, avecíñanse días de choiva e mal tempo. Que se pode facer nestes casos?, Pasamos ao interior aos que teñan a pauta completa de vacinación e ao resto deixámolos fóra? E se esas persoas que ven obrigados a quedar fóra son menores de idade? … estas son algunhas das dúbidas que nos asaltan neste momento.

Doutra banda, moitos dos traballadores da hostalería son menores de 40, persoas que non foron vacinadas ou que soamente teñen unha dose da vacina, Que pasa con eles?, Poden estar a traballar no interior dos establecementos?, Necesitan PCR negativa (ou similar) cada 72 horas para poder desempeñar o seu traballo? … Ao mesmo tempo, atopámonos ante a posibilidade de falsificacións, Como se pode facer fronte a este tipo de situacións?, Quen é o responsable de comprobar que os datos sexan os correctos? …

Miles de preguntas, ata o de agora sen resposta asáltannos, deixando ao sector da hostalería indefenso e pechando as portas a unha recuperación económica moi necesaria. Como representantes dun colectivo duramente castigado durante este ano e medio, solicitamos que se valoren as novas restricións. Que sexan coherentes coas mesmas e que se teña en conta que este golpe, en moitos casos, pode ser definitivo para moitos negocios, sen esquecernos que estamos no verán e que a gran maioría dos seus ingresos depende desta campaña e máis nunha tempada tan conflitiva como a vivida ata o momento.

O sector hostaleiro quere traballar, acataron e respectaron todas as normas sanitarias impostas desde ese 14 de marzo de 2020, pero o seu negocio viuse e vese gravemente afectado. Evidentemente non se negan a seguir tomando medidas sanitarias que impidan o avance da COVID-19, o que non comprenden é por que sempre sexa o seu sector o afectado e o castigado, Por que razón tómanse medidas que non son de lóxica aplicación e que conlevarán graves perdas para os seus negocios?

Desde a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), queremos animar e apoiar en todo aos nosos hostaleiros, socios e non socios, polo seu labor, a súa constancia e a súa cumprimento das medidas sanitarias impostas.

Moitas grazas. Un saúdo.
D. José Ángel González Goce PRESIDENTE OVALMI