O Cereixa proclámase campión da Copa Preferente Galicia Sur

Incrible partido de fútbol sala disputado na tarde deste domingo no Pavillón Novo de Tui onde se enfrontaron sen dúbida dous dos mellores equipos da categoría. Con máis de 120 espectadores nas bancadas, o partido tivo alternativas, emoción e unha definición a penaltis porque ambos os dous conxuntos pelexaron ata o final sen sacarse diferenzas…

O Cereixa Gondomar FS saíu decidido a ser protagonista do partido e tivo dificultades para atopar espazos nunha boa defensa dos locais. Poucas ocasións pero nunha final e con tanto en xogo, ningún dos dous equipos quería dar vantaxes. Con todo e a pesar de que os miñoranos gozaron de dúas claras ocasións de gol (unha delas ao pau), sería o Quinta de Tui o que abriría o marcador por medio dun lanzamento de falta directo (1-0). O golpe fíxose notar nos visitantes que chegaron ao vestiario tocados no seu orgullo.

Descanso e a expor a maneira de darlle a volta ao encontro. Non estaban mal plantados os de Vincios pero os pequenos detalles estaban a decantar a final para os de Tui.

Na continuación o visitante tentou achegarse ao empate pero unha meritoria parada do porteiro local mantiña o partido en desvantaxe. Con todo o partido cambiou coa expulsión dun dos locais e a oportunidade para os de Gondomar de realizar un ataque en superioridade durante 2 minutos. Álex Cabral Álvarez culminaba unha boa posesión do Cereixa FS para conseguir o empate (1-1). O partido volvía igualarse e a final outra vez estaba aberta… Pero non sería sinxelo para os de Vincios, que viron como unha decisión arbitral marcaría o choque; falta discutida de Edu Rodríguez Pérez que tiña amarela e vía incomprensiblemente a segunda. Capitán á ducha e o Quinta de Tui que atacaría en superioridade durante 2 minutos. Momentos de abafo para os tres “ jabatos” que defendían o empate e que á contra e por medio de Luca capitalizaban o 1-2.

O partido volveu sacudirse e o Cereixa FS atrasou a súa posición na pista para defender os últimos 5 minutos de partido. Pero a pouco máis de 2 minutos para a conclusión, o local empataba o partido e volvía poñer emoción (2-2).

De aí ao final os dous equipos tenteáronse moito e puxéronse en poucos apuros o que conducía o partido á prórroga. Dous partes de 3 minutos que non trouxeron nada novo xa que o Cereixa FS estaba fundido e o Quinta de Tui non atopaba a forma de facer dano.

E quenda de penaltis para definir ao campión coa incerteza nas bancadas abarrotadas que vitoreaban aos locais. Golazo de Alejandro Penedo Fernández, (1-0), parada salvadora de Alberto Comesaña Rodríguez e Esteban Fernández Figueiras e Huguito Gonzalvez que lle daban ao conxunto de Vincios Gondomar a Copa Preferente Galicia Sur.

«Felicitar ao Quinta de Tui porque foi un durísimo rival e tamén mereceu o trofeo ata o final. Con todo, nestas instancias sempre hai que contar cun chisco de fortuna e hoxe estaba de fronte para os nosos», sinalan desde o Cereixa.

Mención aparte para este equipazo que o deu todo e tivo un premio merecido tras unha dura tempada. Sempre se lembrará ao Vincios Cereixa Gondomar FS como o primeiro equipo do Val Miñor que consegue este trofeo.