“Cohete” Suárez e Alberto Iglesias, primeiros líderes do 54º Rallye Recalvi Rías Baixas

Non houbo grandes sorpresas e tras a primeira etapa do 54 Rallye Recalvi Rías Baixas a parella formada por José Antonio “Cohete” Suárez e Alberto Iglesias lideran a clasificación xeral provisional da proba. Os asturianos do Skoda Fabia marcaron o mellor crono nas dúas pasadas polos pouco máis de 1.600 metros do tramo urbano de Vigo – Castro que se celebraron este venres.

Nestas circunstancias o potencial e a capacidade de tracción dos vehículos das categorías Rally2 e N5 impuxéronse entre os bordos, chicanes e rotondas da especial urbana onde o líder da Copa de España de Rallyes, o lucense Sergio Vallejo, non puido pasar da sexta posición co seu poderoso Porsche 911 GT3 Cup.

“Cohete” Suárez avantaxa así en 7 segundos a Óscar Palacio, segundo clasificado co seu Ford Fiesta Rally2 MkII, e en 10 segundos a Pablo Rey, tamén con Skoda Fabia Rally2 e que copa este primeiro podio do Rías. Fóra do mesmo, cabe destacar tamén os tempos rexistrados polos irmáns Pais. Os vigueses co Renault Clio N5 son cuartos clasificados, superando a Adrián Costas (Mitsubishi Evo IX) por apenas 6 décimas.

Tres equipos galegos, os encabezados por Dario Calviño, Jorge Cagiao -líder na categoría de dúas rodas motrices- ou Jorge Pérez, penalizado con 10 segundos e que xa se deixa 25 co líder, completan o grupo de dez primeiros clasificados.

Un total de 3.000 afeccionados puideron gozar con comodidade e seguridade desta primeira etapa do 54 Rallye Recalvi Rías Baixas na que finalmente o bo tempo puido acompañar, con sol, nubes e temperaturas agradables, a pesar das previsións que seguen anunciando unha fin de semana inestable no meteorolóxico.

Concluída a primeira etapa os participantes prepáranse xa para o prato forte desta edición de Rías. Este sábado os participantes percorrerán en tres ocasións as especiais de Vigo-Nigrán (14,610 km), Gondomar-Porriño (10,650 km) e Salceda (13,210 km). En total serán 105,48 quilómetros contra o crono para dirimir quen é o equipo máis rápido nesta edición do Rallye Recalvi Rías Baixas.