Baiona pon en valor a súa actividade económica, cultural, turística e patrimonial a través dun documental

O Concello de Baiona estreará o domingo 25 de setembro ás 18:30 horas o documental “Baiona, a gran descuberta”. A presentación terá lugar na Praza do Concello, e no caso de mal tempo celebrarase no Auditorio V Centenario. No acto intervirá o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o director da produtora Xurdir, Ignacio Seijo, e será presentado por Belén Xestal, xornalista, quen tamén lle puxo voz ao documental. Xurdir realizou proxectos similares noutros 31 concellos de Galicia, nestes últimos catro anos de percorrido continuo con esta novidosa idea audiovisual. A produtora Xurdir e o Concello de Baiona invita a todo aquel que queira asistir a esta estrea.

“Esta peza audiovisual realizada pola produtora audiovisual Xurdir en colaboración co Concello e a participación de diversos protagonistas da vila, ten como obxectivo reflectir o traballo que desenvolven neste momento moitas empresas do Concello de Baiona, así como toda a riqueza que xeran todas as que conforman a vida e a actividade deste municipio. Tamén se pon en valor neste filme a paisaxe natural da zona e o seu patrimonio cultural”, destaca o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, quen convida a toda a veciñanza a coñecer este bonito traballo.