Baiona esixirá desde hoxe inscrición previa para asistir ás actuacións do Baiverán

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, informa de que a partir de hoxe será necesaria a inscrición previa para acudir ás actuacións gratuítas que terán lugar no recinto habilitado no Parque da Palma e que forman parte da axenda cultural Baiverán. A tradicional oferta cultural de verán organizada desde a Concellería de Cultura adáptase á situación sanitaria actual mediante o sistema de reserva de entradas a través da páxina web oficial do Concello de Baiona: http://www.baiona.gal. Será necesaria unha inscrición que se abrirá sete días antes do día de celebración de cada unha das actividades. O Alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Cultura, Miriam Costas, tomaron esta decisión tras as novas medidas acordadas polo comité clínico.

“Non debemos baixar a garda ante a situación sanitaria actual, por iso tomamos esta decisión. O acceso aos recintos onde se celebren as distintas actividades que forman parte da programación cultural realizarase mediante a reserva previa de entradas. Desde que comezou esta programación o control dos aforos e as garantías de cumprimento das medidas de protección e seguridade sanitarias xa estaban garantidas pero ante a situación sanitaria actual queremos ir un paso máis aló”, sinala o rexedor. Desde o Concello de Baiona apélase á responsabilidade individual de cada persoa para evitar que a evolución epidemiolóxica empeore no municipio.

“Desde o comportamento exemplar que demostraron os nosos veciños e veciñas ata o de agora, temos que seguir pedindo disciplina e un maior esforzo para minimizar os riscos que seguen estando moi presentes”, indica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado. Ao mesmo tempo que sinala que “o importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a cidadanía baionesa vén facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia”, finaliza o rexedor. Desde o Consistorio faise un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias.

Sistema de inscrición nas actividades

Para a participación nas actividades e eventos do Baiverán no recinto habilitado no Parque da Palma, atópase dispoñible na páxina web oficial do Concello un novo sistema de inscrición, o cal foi actualizado e púxose en funcionamento hoxe mesmo. Trátase dun sistema dinámico e práctico, no cal se observan os días das diferentes actividades, co horario e unha pequena descrición das mesmas. Unha inscrición que reza: “Sistema de inscrición previa obrigatorio na actividade”. Cabe destacar que as inscricións para as actividades de mañá e pasadomañá xa están dispoñibles a partir de hoxe a través de https://www.baiona.gal/calendario/

Os eventos serán sentados en cadeiras de 2 en 2 mantendo a distancia de seguridade entre asistentes, o uso de máscara é obrigatorio en todo o recinto e están prohibidas bebidas alcohólicas e fumar. Serán aplicables a maiores as medidas por covid-19 vixentes no momento da celebración do evento.

LISTA DE ACTUACIÓNS “Sistema de inscrición previa obrigatorio na actividade”:
– CONCERTO: TRES PESOS
– CONCERTO HOMENAXE DÍA DE GALICIA “GUADI GALEGO”
– BAIONA CON HUMOR: Rafa Durán. “Duranadas”
– CONCERTO: “SPANISH CASTLE MAGIC”. TRIBUTO A JIMI HENDRIX
– ESPECTÁCULO FAMILIAR: “PAIO E O PODER DA MÚSICA-O MUSICAL”
– CONCERTO: “TRIBUTO A SABINA»
– “BAIONA CON HUMOR”: David Amor “Love está en el aire”
– CONCERTO: “CHERRY SWEET”
– ESPECTÁCULO FAMILIAR: “TITANIC”
– CONCERTO “FRESQUITO Y MANGO”
– BAIONA CON HUMOR: Oswaldo Digón. “Anecdoloxía”
– CONCERTO: “XENTE TÓXICA”