
O Partido Popular de Baiona acusa o goberno local de carecer de toda sensibilidade en materia de accesibilidade ao non continuar co proxecto de instalación dun ascensor desmontable, en previsión dunha futura remodelación das instalacións, no edificio consistorial, para que as persoas con mobilidade reducida e discapacidade poidan realizar as súas xestións con autonomía. “Mostra diso é que a partida de 49.342,16 euros que o anterior executivo local do PP tiña concedida a través do Plan Concellos de 2019 para este fin e que fora tramitada pola Concellería de Accesibilidade e Urbanismo foi derivada a outros usos en lugar de gastala nesta infraestrutura tan necesaria”, afirman os populares.
“Precisamente, resulta insultante que en pleno ano 2021 a administración máis próxima ao veciño, paradoxalmente a mesma que require accesibilidade a locais comerciais e establecementos hostaleiros para a súa licenza de apertura, non sexa accesible para todas as persoas que conten con limitacións. Como ocorreu o pasado xoves con motivo da celebración do pleno ordinario do mes de xullo. Un concelleiro da corporación municipal con discapacidade, concretamente o anterior edil popular nesta materia, necesitou da axuda de varias persoas que tiveron que collelo en peso para subilo á primeira planta do Concello, onde se sitúa o salón de plenos, e poder desempeñar o seu labor político para a que foi elixido pola cidadanía baionesa. Ata o de agora salvaba este problema mediante unha “oruga” pero o seu uso precisa dun responsable que o xoves non se atopaba nas dependencias municipais e viuse obrigado a pedir axuda a varios compañeiros, co risco que iso supón para os voluntarios e tamén para o propio edil”, relatan desde o PP.
Para os populares resulta lamentable que Baiona destaque pola carencia de servizos tan fundamentais como este. “O noso Concello é un dos poucos de Galicia que non é accesible aos veciños, o que supón unha perda de dereitos para aquelas persoas que, por diversas razóns físicas, necesitan dun ascensor para poder realizar os seus labores rutineiros dentro do consistorio. Polas súas características históricas e de protección, o edificio municipal require duns permisos especiais por parte de Patrimonio e Vivenda que, grazas ao traballo que se fixo na anterior lexislatura, xa se atopaban na súa última fase de tramitación coa Consellería e buscouse o financiamento necesario para liquidar este problema do que eramos plenamente conscientes pero o tripartito decidiu metelo nun caixón e gastar o diñeiro noutra cousa sen importarlle o máis mínimo o prexuízo que iso supón para os veciños. É lamentable e incomprensible”, cualifican desde o PP.