Gondomar lucirá a alfombra mundial do Xacobeo 21-22

O vindeiro domingo 25 de xullo Gondomar sumarase ás máis de 260 cidades repartidas por trinta países dos cinco continentes nas que lucirá o deseño da alfombra floral do Xacobeo 21-22.

Lucirá ante a Igrexa de San Bieito, onde será confeccionada polas integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de San Bieito dentro do Proxecto Mundial da Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, da que precisamente os alfombristas da vila son membros fundadores.

Aínda que o deseño será común, cada colectivo alfombrista utilizará a súa propia técnica e estilo, usando para iso os materiais que prefiran.