Gondomar clausura con éxito o curso de ciberseguridade dirixido ás novas xeracións

Máis de 40 mozos de entre 8 e 13 anos recibiron durante dous semanas formación teórica e práctica sobre as ferramentas e medios existentes para realizar un uso responsable e intelixente da internet.

A idade media do uso dos dispositivos conectados a internet é cada día menor e conscientes dos perigos que entraña un uso incorrecto deles, desde o departamento de Xuventude do Concello de Gondomar, dirixido por Nuria Lameiro, desenvolveuse na primeira quincena de xullo un curso sobre ciberseguridade dirixido aos máis novos/as, sector de poboación vítima máis frecuente dos ataques informáticos.

Impartido por unha enxeñeira informática e unha divulgadora científica o obxectivo da actividade era reflexionar cos/as participantes sobre o uso de internet, facilitarlles as ferramentas para tomar as precaucións necesarias e protexerse de ameazas externas, así como recoñecer os comportamentos que poden ser perigosos como usuarios ou para terceiras persoas.

De feito o número de ciberataques en España, segundo últimas informacións publicadas, creceu nun 125% respecto ao último ano, e o sector da mocidade converteuse nunha diana fácil para os ciberdelincuentes ou para o ciberacoso a través das múltiples redes sociais que manexan.

O curso partiu de tres premisas: usar intelixentemente internet, ser amable na rede e ser valente “manténdonos sempre seguros ou en alerta”. Así durante as dúas semanas fixáronse conceptos sobre “que é o ciberespazo e a ciberseguridade para avanzar despois sobre a diferenza entre o uso e o abuso das redes sociais, os hackers bos e malos ou sobre como recoñecer a quen queren facerse cos nosos datos”.

Unha cuestión importante que non se quixo deixar atrás é o problema das adiccións dixitais e videoxogos que estas novas tecnoloxías están a crear entre os nosos mozos e as nosas mozas, cada vez un problema máis real na nosa sociedade que require da intervención de especialistas.