Vitoria para a baionesa Iria Ludeña no Trofeo Entre Pontes 2021

Esta mañá celebrouse o IV Trofeo Entre Pontes, organizado polo E.P. Ciudad de Pontevedra entre a desembocadura do río Lérez entre as pontes do Burgo e autoestrada. Nesta edición participaron 368 embarcacións e 485 piragüistas repartidos entre os 36 equipos rexistrados nesta proba, que está dirixida ás categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano, nas modalidades K1, K2, C1 e C2, ademais da categoría paracanoe e a modalidade de paleo a pé.

A dupla formada pola baionesa Iria Ludeña e Irea Alonso do Kayak Tudense levou o triunfo en K2 Muller Cadete sobre unha distancia de 8.000 metros, cunha marca de 31:39. A segunda posición sería para a parella do Grupo Xuvenil Piragüismo As Pontes Ada Fernández e Inés Domínguez (32:12), mentres que pechando o podio en terceiro posto estaban Verónica Rodiño e Carmen Ventura do Verducido-Pontillón (32:14).