Aberto o prazo de inscrición para a masterclass do Nigranjazz con Focusyear Band

Unha das bandas estrela do Nigranjazz 2021, o octeto Focusyear Band, composto por músicos excepcionais procedentes de diferentes lugares do planeta e que foron seleccionados este ano no programa do mesmo nome que se desenvolve en Suíza e que conta coma “coaches” coa elite do Jazz internacional, serán os protagonistas da xa tradicional master-class do festival o sábado 31 de xullo ás 11:00 horas no Centro de Negocios de Porto do Molle. Os interesados en participar deben enviar un correo a nigranjazz_matricula@folque.com e cubrir o formulario de inscrición. O custo é de 20€ (o alumnado do Conservatorio Mayeusis, patrocinador da Masterclass, da Escola de Música de Nigrán, e da Escola Gain Over de Nigrán, terán un prezo reducido de 15€).

A Focusyear Band conta cunha sección rítmica composta por batería, contrabaixo e piano, máis dous trompetistas, dous saxofonistas e unha cantante, así que a clase estará especialmente indicada para estes instrumentos pero aberta tamén a outros. Os asistentes poden participar activamente (nese caso deberán levar os seus propios instrumentos) ou coma ouvintes, dependendo do seu nivel (está dirixida a músicos xa iniciados ou avanzados de Jazz, pero tamén é unha oportunidade para músicos procedentes doutros xéneros ou para iniciarse na comprensión desta música).

A clase se impartirá no Salón de Actos do Centro de Negocios de Porto do Molle entre as 11:00 e 13:00 horas do sábado 31 de xullo, cumprindo as indicacións sanitarias pertinentes. Os músicos interesados en recibir a maiores clases privadas de instrumento coa Focusyear Band poden escribir ao mesmo mail e pedir máis información.