PP e C’s piden un pleno en Baiona para debater a compra das antigas baterías militares de Silleiro

O PP baionés e C’s acaban de solicitar por Rexistro telemático no Concello de Baiona a celebración dun pleno extraordinario para debater sobre a intención do tripartito de adquirir os terreos das antigas baterías de Cabo Silleiro porque onte o tripartito non quixo debater a moción presentada por urxencia polo PP ao non contar ata a mañá do xoves con toda a documentación necesaria para a súa exposición en pleno. Agora, con todos os datos tras unha ardua investigación ao longo destes meses, os populares están en disposición de afirmar que a operación que pretende realizar o tripartito só beneficia ao Ministerio de Defensa e prexudica aos veciños afectados, aos comuneiros e ao propio Concello de Baiona.

“Se o Alcalde non ten nada que ocultar e quere tratar a compra con transparencia non entendemos por que non aceptou o debate por urxencia no pleno deste xoves”, explican os populares.

“A pesar do anunciado polo rexedor, a compra aínda non é efectiva e aínda estamos a tempo de poder adquirir as baterías sen custo algún para os baioneses, a través da cesión gratuíta, como o fixeron a inmensa maioría dos concellos e institucións en situación similar, ou mediante outro tipo de convenio de compensación pero descartando sempre o pago ao Ministerio de Defensa de 370.000 euros como pretende o Alcalde e o seu equipo. Máxime cando estes terreos pertencían aos veciños e comuneiros e fóronlles arrebatados sen compensación económica no seu momento para levantar as instalacións militares”, apuntan os populares.

É por isto que desde o PP tamén piden a solicitude dunha “xusta indemnización” a estes afectados. “Analizada a documentación consideramos que a intención de compra do Concello non é acertada e ese diñeiro podería ir destinado a outros fins moito máis necesarios en época de pandemia”, opinan.