Natalia Lacunza e Ginebras este venres en Vive Nigrán na noite máis indie do festival

Hoxe venres NATALIA LACUNZA comparte noite con GINEBRAS, na xornada máis indie desta edición. Natalia Lacunza despuntou como un dos novos talentos da música española con mellor futuro, despois de romper o estigma do seu paso por Operación Triunfo, cunhas composicións propias ao alcance de moi poucos. O concerto da moza navarra arrancará ás 20:30 horas no escenario Xacobeo. GINEBRAS pecharán a noite indie de VIVE NIGRÁN desde as 22:30 horas no escenario Vibra Mahou. Este cuarteto feminino entrou arrasando na escena indie nacional coa súa aditiva mestura de frescura e boas cancións. En pouco tempo convertéronse nunha das bandas que todo o mundo quere ver, cun dos directos máis enérxicos do momento e a súa peculiar visión do mundo pop. As portas do recinto abriranse ás 19:30 horas para gozar dunha xornada de festival con protagonismo 100% feminino.

Onte á noite, o vigués Cedecé foi o encargado de estrear o escenario Xacobeo, tras a baixa de Walls, ao que seguiron os galegos Verto, o fenómeno galego do ano que fixeron vibrar aos seus fans repasando o seu último disco “Embora” no escenario Xacobeo. A noite de ritmos urbanos terminou cunha auténtica festa protagonizada polo trío canario Locoplaya no escenario Vibra Mahou. Don Patricio, Bejo e Uge lograron que os centos de persoas congregadas no festival participasen do seu show de ritmos urbanos e frescos desde as súas cadeiras. O festival desenvólvese nunha contorna segura e sostible, con vasos 100% reciclabes, asentos, aforo limitado e distancias de seguridade, no campo de fútbol de Monte Lourido.

As últimas entradas individuais para o venres 16 están dispoñibles a un prezo de 25€ + gastos a través da web http://www.vivenigran.com e de Ataquilla. Tamén están dispoñibles as entradas para a Sesión Vibra Mahou matinal do sábado. Os abonos para todo o festival xa están esgotados, así como as entradas para a xornada do sábado. VIVE NIGRÁN conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia. Ademais, conta co patrocinio de Vibra Mahou (a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas), Radio 3, Gadis e Aqualia.