Convocan unha manifestación en Gondomar para evitar o derribo do local social de Prado

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra vén de autorizar a manifestación convocada pola Comisión de Festas San Xosé de Prado en Morgadáns para evitar o derribo do seu local social. A manifestación terá lugar este sábado 17 de xullo e sairá ás 20:30 horas dende a rotonda de Chaín-Morgadáns, seguindo polas rúas San Bieito, Eduardo Iglesias, Elduayen, Rosalía de Castro, Praza de abastos, Otero Pedrayo, Manuel Alonso e rematando diante do Concello de Gondomar.

Un local feito co esforzo dos veciños

O Local Social da Comisión de Festas de San Xosé de Prado foi construído grazas á colaboración desinteresada dos veciños, como un lugar de encontro e convivencia e ante todo, para poder celebrar con agarimo as festas de San Xosé. Para eles é unha mágoa que todo este esforzo realizado por moita xente, se veña abaixo e con el a razón de ser dun pobo que sempre se caracterizou pola amizade, solidariedade e ilusión dun futuro mellor.

Consideran xusto que por parte das autoridades se dean as explicacións de todo o acontecido, se expoñan os pasos e accións realizadas e ao mesmo tempo se informe das solucións posibles a tan grave situación, que pode rematar no derribo dun local tan emblemático e de grande arraigo para todos os veciños. A Comisión de Festas enviou un burofax ao Bispado e ao Concello de Gondomar manifestando a imposibilidade de acceder á solicitude de derribo para o vindeiro luns 19 de xullo debido a motivos de falta de tempo e unha ocasional eventualidade de uso do local por unha grave situación de vulnerabilidade.

Con esta manifestación, á que chaman a sumarse a todos os veciños de Gondomar, queren que as autoridades competentes tomen cartas no asunto e fagan efectivos os trámites necesarios para evitar o derribo do local.

A Comisión de Festas recorda a todos os participantes na manifestación que se debe cumprir coa normativa que rexe a actual situación sanitaria polo Covid-19, mediante o respecto das medidas de distanciamento e uso de máscara, así como un comportamento cívico e de respecto aos demais.