A Casa do Concello de Nigrán acolle ata inicios de setembro a exposición “Eu son UVigo”

A Casa do Concello de Nigrán acolle ata o 9 de setembro a exposición “Eu son UVigo!” logo de estrearse a finais de curso en varios centros de ensino secundario das catro provincias galegas e na Biblioteca Rosalía de Castro de Ourense. Por este motivo, o alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo un encontro este mediodía coa directora da Área de Captación de Alumnado da Universidade de Vigo, Susana Rodríguez Barcia, quen lla amosou polo miúdo.

Así, a vintena de cubos que conforman a mostra teñen como obxectivo dar a coñecer a potenciais estudantes da UVigo os perfís de persoas que acadaron o recoñecemento profesional e que ben, son egresadas, ou ben desenvolven a súa actividade na institución académica viguesa. Entre eles figura o nigranés Pablo Romero, profesor na Universidade de Vigo e colaborador con Netflix na optimización de subtítulos. “A Universidade de Vigo para nós é tamén a de Nigrán, vai máis alá dunha relación de proximidade, por iso consideramos importante poñela en valor neste intre que moito alumnado está decidindo onde matricularse o vindeiro curso”, explica o alcalde de Nigrán, quen agradece que desde a dirección puxesen a súa vista no municipio para acollela.

“Eliximos a propia Casa do Concello de Nigrán por ter un fluxo de visitantes constante, especialmente no verán, cando multiplica a súa poboación. Queriamos ter visibilidade no sur de Galicia para seguir amosando á sociedade o talento da Universidade de Vigo en lugares que, ademais, son de interese turístico”, explicou Barcia en relación con esta mostra que pretende difundir a imaxe da entidade educativa como centro de prestixio que prepara para a vida real en todos os ámbitos do coñecemento, tamén o artístico e humanístico, ademais dos tradicionais científico e tecnolóxico, cos que se lle identifica habitualmente. Paralelamente, fomenta entre o alumnado non universitario a creatividade literaria e lingüística, a curiosidade científica e a procura da innovación a partir dos fitos acadados por egresadas e egresados da UVigo.