Nigrán festexa o próximo luns o Día dos Avós

O Concello de Nigrán conmemora un ano máis o luns 26 de xullo o Día dos Avós cunha xornada festiva dedicada a eles. Esta terá lugar desde o mediodía no Torreiro de Priegue e constará de photocall, xantar, xogos tradicionais e actuación musical. Os interesados en participar (empadroados en Nigrán maiores de 65 anos) deberán anotarse entre o 15 e 16 de xullo de 10:00 a 13:00 horas no ‪986365000‬. O límite de aforo para esta xornada gratuíta é de 50 persoas, polo que se seguirá unha rigorosa orde de inscrición.

O día comezará ás 13:30 cunha recepción con photocall e respectiva foto de agasallo para posteriormente xantar ás 14:00 horas. A partir das 16:00 horas haberá petanca, cartas e dominó con premio para os gañadores de cada disciplina. A xornada rematará cunha actuación do grupo Sensación ás 18:00 horas.

“Non podemos esquecernos dos nosos maiores despois deste ano e medio de pandemia especialmente duro para eles, con moitas restricións e unha vida social limitada que repercute negativamente no seu benestar emocional, polo que un ano máis festexaremos o Día dos Avós seguindo o protocolo sanitario”, explica María Mayán, edil de Maiores.