As participantes do curso “Actividades Auxiliares de Comercio” de Baiona comezan mañá as prácticas en empresas

A acción formativa “Actividades Auxiliares de Comercio”, organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona dentro do marco do programa “Emprégate dende a Igualdade”, entra na súa recta final. Esta formación, composta por 170 horas teóricas e 40 horas de prácticas non laborais en empresas, pretende dotar ás participantes das habilidades e coñecementos necesarios que lles permitan desempeñar un emprego no sector do comercio.

Neste momento, estase a impartir en instalacións municipais o módulo “Manipulación e movementos con transpalés”, cunha duración de 25 horas e de carácter eminentemente práctico, a través do cal, as alumnas poderán obter o carné de carretilleiro e ampliar as súas posibilidades de inserción laboral.

A partir do día 15 deste mes, darán comezo as prácticas non laborais en empresa, nas que colaboran comercios da zona do Val Miñor como libraría Garabato, Alimentación Galifrut, ferraxería Electrogayfer, ferraxería Bricomax, Supermercados Gadis, zapatería Bombón, estación de servizo Monte Real, decoración Lalolita, e tenda de agasallos Más que Candelas.

Esta actividade realízase como parte do proxecto “Emprégate desde a Igualdade” e está pensada para mellorar a empregabilidade das persoas, facilitando a súa incorporación ou reincorporación ao mercado laboral, mediante formación de capacitación técnica e prácticas en empresa, e Itinerarios Individualizados de Inserción, que engaden á formación, os servizos de orientación e intermediación laboral.

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, a través do Centro de Información á Muller, puxo en marcha no mes de novembro o programa “Emprégate desde a Igualdade. Esta iniciativa, promovida de forma conxunta co Instituto das Mulleres e para a Igualdade de Oportunidades, busca incrementar a empregabilidade das mulleres mellorando as súas expectativas e a súa calidade de vida.