
O Gondomar Club de Fútbol celebrou este luns no campo municipal de As Gaiandas unha reunión informativa para presentar a pais e nais o seu proxecto de categorías inferiores e resolver todas as posibles dúbidas sobre este. Desde o club agradecen a todos os asistentes polo interese mostrado.
“O día de onte foi un aliciente moi importante para seguir adiante co noso proxecto e loitar por el ata o final. Porque todos/as os/as nenos/as de Gondomar merécense a oportunidade de formar parte dunha escola de fútbol transparente, respectuosa, educativa e con valores. Porque todos os pais e nais, merecen saber como se utiliza cada céntimo que invisten no club e como se educa ao seu fillo/a. Porque Gondomar meréceo”, apuntan desde a entidade.
“Pola nosa banda traballaremos todo o que podamos e máis por este proxecto no que cremos”, afirman.
Todos aqueles pais e nais que xa teñen claro que queren pertencer ao proxecto esta tempada poden entregar as follas de inscrición no campo de fútbol de As Gaiandas os martes e venres en horario de 19:30 a 20:30 horas, ou chamando aos teléfonos 646 793 371 (David) e 608 960 104 (Basi).