A Área Sanitaria de Vigo pon en marcha a autocita para cribados

A Área Sanitaria de Vigo pon en marcha a Autocita de cribados, unha nova estratexia para incrementar os cribados na poboación asintomática.

Así a partires de mañá, mércores 14 de xullo, a poboación con idades comprendidas entre 16 e 35 anos poderá inscribirse para a realización dunha proba diagnóstica PCR nos seguintes enlaces de internet: https://coronavirus.sergas.gal/cribado ou na páxina web da Área Sanitaria de Vigo https://xxivigo.sergas.gal/Paxinas/web.aspx

O único criterio de exclusión é estar en situación de illamento domiciliario ou en corentena.

As persoas inscritas serán citadas a través dunha mensaxe SMS no Covid-Auto do Hospital Álvaro Cunqueiro, de luns a venres en xornada de tarde, onde se lles tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.

Esta nova medida, que ven a sumarse á anunciada onte de realizar cribados nos campamentos de verán, adoptouse tras a baixa participación rexistrada nos últimos cribados entre a xente nova e á vista do incremento da incidencia da Covid19 neste grupo de poboación. Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte á pandemia. En vez de esperar á aparición de pacientes con síntomas, efectúase accións proactivas de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.

O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Inicio cribado en campamentos

Neste contexto, mañá tamén se inicia o novo programa de cribaxe nos campamentos de verán, comenzando polo concello de Cangas do Morrazo. Ata alí vaise trasladar persoal sanitario para realizar a proba PCR a un total de 80 mozos e mozas que participan nos seguintes campamentos: IES Rodeira, IES San Roque, CEIP Espiñeira e CEIP Castrillón.