O delegado do Goberno visita as instalacións que promove Zona Franca en Baiona e Nigrán

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe ao Consorcio da Zona Franca de Vigo como motor da recuperación económica da Comunidade tras solicitar 212 millóns de euros para impulsar proxectos con fondos europeos. Expresouse así tras un encontro de traballo co delegado da Zona Franca, David Regades, para abordar o futuro deste polo de actividade económica.

José Miñones subliñou que o Consorcio da Zona Franca de Vigo “promove investimentos e actuacións que repercutirán non só nesta comarca senón en toda a provincia e en Galicia”. Por iso, felicitou a David Regades polo seu traballo, xa que “está a converterse nun revulsivo da recuperación económica desta provincia”, e fixo extensivo o recoñecemento aos alcaldes de Baiona, Carlos Gómez, e de Nigrán, Juan González, que participaron tamén neste encontro.

Tras visitar a Casa do Reloxo, en Baiona, onde a Zona Franca impulsou un viveiro de empresas, e o Polígono de Porto do Molle, en proceso de ampliación, José Miñones destacou a aposta do Goberno por “apoiar o emprendemento e a innovación empresarial”. “Zona Franca converteuse nestes anos nun dos principais promotores de parques empresariais de Galicia e nun dos axentes de promoción e asesoramento de empresas máis activos da Comunidade”, engadiu.

O delegado do Goberno considera que “Zona Franca debe ter un protagonismo central na materialización do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”. Por iso, vén de presentar “proxectos que suman inversións en Vigo e comarca de 212 millóns de euros” e participa noutros con organismos e empresas.

“Falamos de proxectos innovadores vencellados ao vehículo conectado, á fábrica de baterías, á planta de hidróxeno verde e ao laboratorio cuántico. Son todas accións que encadran perfectamente nas transformacións que queremos lograr co Plan de Recuperación: unha España verde, dixital, inclusiva, con maior cohesión social e territorial e máis igualitaria”, asegurou.

José Miñones busca nesta visita “apoiar este paso adiante de Zona Franca e do seu delegado”. “Estou convencido de que os fondos europeos servirán para materializar os proxectos que Zona Franca promove e aqueles nos que colabora”, continuou.

O apoio do Goberno ao Consorcio da Zona Franca de Vigo quedou patente en iniciativas anteriores. De feito, os Orzamentos Xerais do Estado reservan este ano 50 millóns de euros de investimento e prevén partidas ata 187 millóns nos vindeiros exercicios. “Estamos comprometidos co futuro inmediato do Consorcio porque cremos no papel activo desta entidade para a recuperación económica tras a crise da COVID-19”, rematou.