O BNG Gondomar propón establecer as axudas para os comedores escolares con criterios de progresividade e equidade

O BNG de Gondomar propón ao goberno local do PSOE a modificación das bases das axudas municipais para os comedores escolares do vindeiro curso 2021-2022 con base en criterios de progresividade e equidade, establecendo as axudas en función da renda e do número de crianzas usuarias do servizo de cada familia.

A oferta do concello fixa o custe de cada menú diario -que só será gratuíto para as familias en risco de exclusión-, en 4,14€ xa incluído un desconto universal de 1€. Un prezo caro a todas luces para os nacionalistas. A proposta do BNG é que as axudas non sexan iguais para todas as familias, senón que se establezan de xeito progresivo, sendo maiores para as familias de rendas máis baixas, e con descontos tamén as familias con máis dun comensal.

“Un goberno que se di de esquerdas debería defender criterios de progresividade e equidade que beneficien ás rendas máis baixas e que non deixen a ninguén fóra, máxime en tempos de crise como os que vivimos”, indica a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.

O BNG esixe garantir o dereito ao servizo de comedor a todas as familias, sen excepcións

Aínda que no obxecto e finalidade das bases se establece que tamén será beneficiario das axudas o alumnado de 2ª etapa de educación infantil (nenos 3 a 5 anos), na práctica ficarán excluídas as crianzas das cinco aulas do CRA Antía Cal (Chaín, Couso, Morgadáns, Peitieiros e Vilaza). Nunha comunicación da concelleira Nuria Lameiro ás ANPAs di que este alumnado “dependerá de quen o leve das súas aulas ao comedor do CEP Neira Vilas de Peitieiros”, mais dando a entender que non é un problema que o goberno local teña que resolver e que descargan nas familias.

“Desde o BNG consideramos que a solución é que o alumnado poida comer nas súas propias aulas, e así o temos trasladado en máis dunha ocasión”, indica a portavoz municipal do BNG. “O Concello debería ter incluído esa condición no convenio de colaboración para a prestación do servizo recentemente asinado coa Consellería de Educación, para lles garantir o dereito ao comedor con seguridade e sen sobre custe”.

Por outro lado, o BNG insta a Xunta e Concello a buscar solucións, antes do inicio do vindeiro curso, que permitan o uso do servizo do comedor a todas as familias que o soliciten, independentemente do número de días que precisen o servizo, para facilitar a conciliación en igualdade de condicións a todas elas.

“O BNG, a través da súa portavoz municipal, xa ten trasladado estas propostas con anterioridade, mais é evidente que Ferreira e o seu equipo do PSOE están lonxe de asumilas. Porén, o BNG en exercicio da súa responsabilidade, presenta ao goberno un documento que recolle estas propostas de modificación coa intención de que poidan ser introducidas nas bases e facelas efectivas no proceso posterior de posta en marcha do servizo ao inicio do curso 2021-2022”, conclúe a portavoz nacionalista.