Miguel Ángel Fernández, segundo na Copa de España de Ontur

Nunha chegada masiva o Vigo-Rías Baixas conquistou este domingo o seu primeiro podio na Copa de España 2021. Miguel Ángel Fernández logrou o segundo posto no Gran Premio Primavera de Ontur, décima e penúltima cita do certame estatal. O velocista da estrutura presidida por José Luis Chamorro quedou a centímetros da vitoria nun sprint que se adxudicou David Martín (Eolo Kometa).

Non apareceu o vento nos 172 quilómetros de percorrido pola provincia de Albacete e o guión da carreira foi o esperado. As escapadas non sorprenderon ao pelotón, cos equipos dos esprinters tendo moi en conta que estaban ante a última oportunidade de ofrecerlles unha volatta ás súas killers na Copa do 2021. O Vigo-Rías Baixas, que puntuou en segunda posición por medio de Asier González na primeira Meta Volante, centrou os seus esforzos en protexer ao seu home rápido ata os últimos quilómetros, onde Miguel Ángel Fernández volveu demostrar a súa fiabilidade.

Tras case catro horas de carreira, o cántabro puido espremer a súa potencia para cruzar a liña de meta segundo, só por detrás de Martín. O podio completouno Raúl Rota (Lizarte). Fernández conseguiu para os pupilos de Marcos Serrano a presenza no podio que se lles resistiu este ano no certame máis prestixioso do ciclismo español Elite-Sub23. Ademais, anotou na súa conta persoal o terceiro Top-10 do curso na Copa.

Este resultado do conxunto flúor reforza a súa condición de líder na clasificación Elite por equipos da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). A próxima cita do calendario chegará este martes co arranque da Volta a Zamora, mentres que a Copa de España regresará en agosto coa súa última proba.