A frota pesqueira realiza a tradicional Ofrenda do Mar en Panxón

O novo xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Edelmiro Ulloa, foi o encargado de presentar este sábado no Templo Votivo de Panxón en Nigrán, a tradicional Ofrenda do Mar, unha cerimonia que se celebra cada ano desde 1939 na histórica igrexa do arquitecto porriñés Antonio Palacios consagrada á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, organizada de forma rotatoria polas mariñas mercante, de pesca, á que lle correspondeu nesta ocasión, deportiva e pola Armada.

No seu discurso, afirmou que o día da Virxe do Carme “resulta nas nosas vidas unha celebración tan profunda e significativa, na que podemos render o especial agradecemento e tributo que sempre mereces, aínda que día a día durante todo o ano celebremos e agradezamos permanentemente o teu amparo”.

Edelmiro Ulloa lembrou que a vida na mar é de seu complexa, “dura en moitas das formas nas que acolle as nosas actividades”. Noutras, dixo, “é tamén fonte de desfrute e alegría”. “Este ano as circunstancias especiais que nos afectan fixeron, fan agora mesmo, que esa vida na mar sexa moito máis complicada, chea de incertezas e preocupacións para os nosos mariños, para as súas familias, as ausencias amplíanse en moitos casos por obrigación, e fanse máis difíciles de levar”.

“Amada Virxe do Carme -continuou o presidente de ARVI-, en cada un deses momentos de tribulación, es para todos guía e apoio, a Nai que reconforta. Tamén para aqueles que choran a perda de seres queridos estás aí sempre, intercedendo polas súas almas ante o teu Fillo, dándolles o consolo tan difícil de obter”.

Antes da intervención do Bispo da Diocese de Tui-Vigo e Bispo promotor do Apostolado do Mar, Luis Quinteiro Fiuza, encargado de dar a réplica ao Oferente, Edelmiro Ulloa quixo agradecer á Virxe do Carme “que sexas a Estrela dos Mares tan necesaria, luz permanente e guía a porto para os nosos mariños, alegría no reencontro cos nosos e apoio no seu ausencia, a súa compañía na soidade que conleva ás veces a vida abordo, consolo para os que sofren a amargura da perda definitiva”.

A octoxésimo segunda edición da Ofrenda do Mar no Templo Votivo de Panxón acabou, como vén sendo tradición, coa Bendición ao Mar e o canto da Salve Mariñeira. Como sempre a celebración estivo acompañada polo Coro Stella Maris de Panxón. Tamén asistiron, entre outras autoridades, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, e os alcaldes de Nigrán e Baiona, Juan González e Carlos Gómez.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.