Podemos Nigrán propón a creación dunha área de servizos para autocaravanas de xestión municipal

Podemos Nigrán propón a creación dunha área de servizo para autocaravanas de xestión municipal para acabar coa controversia creada polos aparcamentos deste tipo de vehículos. Na formación morada consideran que este perfil de turismo está a adquirir cada vez máis forza no municipio, por iso cren necesaria a existencia dunha zona habilitada que facilite a estancia a estes/as visitantes.

Debido ao mencionado anteriormente demandan ao Concello de Nigrán o establecemento dun terreo para autocaravanas/caravanas con dereito a pernoita, que dispoña de servizos tales como, subministración de auga potable, posibilidade de evacuación de augas e conexión eléctrica, encargándose o propio Concello de establecer e recadar as tarifas.

Por moi pouco custo e cunha alta rendibilidade para as arcas municipais, opinan que esta é a fórmula ideal para potenciar este tipo de turismo, sen crear posibles molestias entre os/as habitantes de Nigrán.