Eliminado un punto de vertedura de augas residuais ao río Zamáns en Gondomar

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade eliminou un punto de vertedura de augas residuais ao río Zamáns, no concello de Gondomar. Os técnicos do Plan de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco no marco das inspeccións rutineiras no dominio público hidráulico do municipio pontevedrés.

Os técnicos da Xunta identificaron a vertedura que afectaba ao río, ao seu paso polo lugar da Rocha, nun punto de desaloxo dunha rede de augas pluviais. As inspeccións á zona dos técnicos do Plan de Control de Verteduras e do persoal municipal permitiron a identificación posterior da orixe do foco nunha condución unitaria da rede de saneamento, tras a inspección videográfica realizada polo Concello de Gondomar na rede de augas pluviais.

A entidade local procedeu á anulación da condución que achegaba augas residuais á rede de pluviais en intres de saturación do colector de saneamento. Nunha recente inspección á zona, o persoal de Augas de Galicia verificou que os citados traballos permitiron a emenda da vertedura.