Promoven a inclusión social e o coidado do medio ambiente percorrendo o Camiño Portugués pola Costa

A consultora galega Qualitynova, en colaboración con Acción Solidaria de Galicia (ASDEGAL), desenvolverá ao longo do mes de xullo o proxecto “Camiño Verde”, unha iniciativa que ten como principal obxectivo fomentar a inclusión social de persoas con discapacidade intelectual, a través da realización de diversos tramos do Camiño de Santiago de maneira sostible.

No marco deste proxecto, máis de 60 persoas con discapacidade dos centros HC San Rafael, Down Vigo, Juan María, EVD Galicia e San Xerome, acompañadas polos seus monitores e por un grupo de voluntarios, percorreron hoxe a primeira etapa do camiño portugués pola costa que discorre entre os municipios da Guarda e Oia. Durante o traxecto os participantes puideron gozar da contorna pola que discorre este roteiro, á vez que contribuían ao coidado do medio ambiente realizando unha recollida de residuos que, ao finalizar a etapa, depositaron nun punto limpo.

Está previsto que todos os martes e xoves do mes de xullo diferentes grupos de entidades que traballan con persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra realicen algunha das oito etapas que compoñen o tramo galego do camiño portugués pola costa e que o día 29 de xullo percorran a etapa final entre Padrón e Santiago de Compostela.

As entidades que participarán na iniciativa ao longo destas oito etapas serán as seguintes: HC San Rafael, EVD Galicia, Down Vigo, Centro Juan María, Aceesca, Fundación Amedis, San Xerome, Aspanaex e Discamino.

Inclusión social e coidado da contorna

O desenvolvemento desta iniciativa persegue principalmente fomentar a inclusión social de colectivos vulnerables, promover un Camiño Sostible a través do coidado do medio ambiente durante as etapas e concienciar aos peregrinos da necesidade de minimizar o impacto ambiental, fomentando así os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.

Diego Maraña, CEO de Qualitynova Consultores, sinala que “a través do Camiño Verde reducirase a pegada de carbono do Camiño de Santiago e potenciarase o coñecemento do patrimonio, a cultura e as contornas naturais dos municipios polos que pasa este roteiro”.

Tere Martínez, presidenta de ASDEGAL destaca que “a organización desta iniciativa forma parte da actividade que a asociación realiza para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade intelectual e para favorecer a súa inclusión social. Alcanzar estas metas a través do Camiño de Santiago pareceunos unha oportunidade inmellorable xa que tamén estamos a favorecer a práctica deportiva, o contacto con outros colectivos e o coidado do medioambiente”.

Guía ambiental

Cada ano crece o número de peregrinos que realiza o Camiño de Santiago. Este aumento de camiñantes leva asociado un maior impacto ambiental; danos na flora e fauna, refugallos (comida, plásticos, roupa,…), polo que é necesario ter unha maior concienciación ambiental para que o paso das persoas polos diferentes itinerarios xere o mínimo impacto. Baixo esta premisa, Qualitynova e ASDEGAL elaboraron tamén a guía “O día a día do peregrino sostible”, unha publicación que ten por obxectivo trasladar ao peregrino unha serie de pautas e consellos que pode aplicar no seu día a día para que a súa experiencia sexa máis sostible e minimizar o impacto ambiental en cada etapa.

A iniciativa “Camiño Verde” desenvólvese no marco de actividades promovidas pola Xunta de Galicia dentro do programa “O teu Xacobeo”, un programa de axudas específicas para a dinamización sociocultural do Camiño Santiago e a promoción do Xacobeo 2021-2022.