Nigrán renova a súa imaxe corporativa cun novo logotipo baixo o slogan “equilibrio natural”

O Concello de Nigrán aproveita o inicio da tempada estival para renovar a súa característica marca turística tras máis de vinte anos de vixencia. O goberno local recupera o slogan empregado no 2020 de “Nigrán, equilibrio natural” para condensar nesta nova imaxe gráfica deseñada pola nigranesa Olalla Fernández todos os valores e ideas asociadas a este lema.

“A nosa anterior marca tiña unha estética xa desfasada e, tras crear o slogan de ‘Nigrán, equilibrio natural’, consideramos que era o momento de buscar ese cambio reforzando ese mesmo lema e, con el, os valores asociados que fan de Nigrán un municipio especial e diferente”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que “pouco a pouco irá substituíndo á antiga e xa aparecerá en todos os eventos deste verán”.

Esta nova marca pretende reflectir un Nigrán diverso desde diferentes perspectivas, cunha paisaxe chea de riqueza natural onde mar e montaña únense nunha forma gráfica ondeante que, nun segundo plano, lembra á forma da letra N. A tipografía seleccionada para NIGRÁN é a Museo Sans, que vén sendo a protagonista do material gráfico do Concello dende xa hai un tempo, así que se mantén para darlle continuidade/coherencia a gráfica. A Museo Sans é unha fonte sans serif, un híbrido que combina proporcións modernas cun aspecto xeométrico. Trátase dunha fonte equilibrada, moderna, versátil e moi lexible, aspecto básico para esta imaxe. En cambio, para o slogan “Equilibrio Natural” elixiuse a tipografía Caveat, unha fonte manuscrita “riquiña e desenfadada” que lle dá ao peche da marca un toque natural, amable e próximo. As cores posibles están asociadas ao mar, á natureza, á terra… Elementos que se mesturan nun equilibrio de tons.

“O propio deseño ten o equilibrio que defendemos desde o Concello de Nigrán e representa o que estabamos a buscar, así que estamos moi orgullosos do seu resultado e agradecidos a Olalla”, resume o alcalde.