O nigranés Jonatan Giráldez, novo adestrador do Barça Feminino

Jonatan Giráldez será o novo adestrador do Barça Feminino, despois de que Lluís Cortés comunicase que deixaba o cargo. Natural de Priegue, nacido o 27 de novembro de 1991, Giráldez foi un dos dous asistentes de Cortés nas últimas dúas tempadas e media. A nova vinculación co Club será por unha tempada con opción a unha segunda.

Antes de iniciar a súa etapa culé, o nigranés estudou Ciencias do Deporte en Pontevedra e en Barcelona. Desde os 20 anos que vive en Catalunya e foi na Federación Catalá de Fútbol onde se estreou profesionalmente desenvolvendo tarefas de seleccionador, analista e preparador físico en varias categorías inferiores, tanto masculinas como femininas. Tamén exerceu de profesor na Escola de Adestradores, relator universitario e comentarista televisivo de partidos de fútbol.

A firma do novo contrato de Jonatan Giráldez produciuse nun acto este venres pola mañá no Despacho Institucional de Presidencia, coa presenza do presidente Joan Laporta, o directivo Xavier Puig, o Director de Deportes, Xavier Budó, e o mánager do fútbol feminino, Markel Zubizarreta.

Para Jonatan Giráldez “é unha ilusión tremenda. Estou con moitas ganas de empezar a traballar porque temos un grupo de traballo moi bo, co staff e as xogadoras. Para entrar aquí debes ter mentalidade gañadora para querer vencer todos os partidos. Con estes dous anos e medio collín moita experiencia, nun club de elite aprendes dos mellores. Evolucionei e perfeccionei a miña idea. Temos ferramentas para seguir gañando. Esta é a mentalidade que temos. E é moi importante o como: evolucionar unha idea cun perfil asociativo, que sexamos protagonistas. Temos un reto moi bonito, que é volver gañar e esa é a intención”.

“O que era importante era seguir co proxecto deportivo co que vimos traballando hai moito tempo. Jonatan é un dos artífices do modelo de xogo que foi implementando o equipo e a idea era dar continuidade. É novo, está preparado, ten moitas ganas de facer cousas para o equipo e o club e estou convencido de que logrará que o equipo siga crecendo”, valorou Markel Zubizarreta.

Pola súa banda, Xavier Puig, destacou que “é unha persoa de absoluta confianza. Para nós, como segundo adestrador, foi o artífice do que foi este Barça e dos éxitos que tivemos. El estivo moi, moi preto do que foi o adestrador e foi absolutamente partícipe”.