“Gondocultura” ofrecerá máis de 30 actividades entre xullo e setembro

Cinema, música, danza, eventos deportivos para grandes e pequenos, visitas culturais ou o percorrido do Camiño de Santiago compoñen o programa organizado polo goberno de Gondomar, a través da súa Concellería de Cultura, dirixida por Juan Bas, máis de 30 actividades que se desenvolverán nos meses de xullo, agosto e setembro. “Un programa co que queremos recuperar o ritmo dos nosos encontros e festas tradicionais, que se viu retardado por culpa da pandemia da que aos poucos estamos a saír”, afirma o rexedor Paco Ferreira.

Lembrou que en todo momento tomaranse as medidas precisas de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias “o que non impedirá que gocemos dunhas grandes festas cun gran cartel que inclúe novidades importantes que confirman que Gondomar xa é un referente no mundo da cultura”.

Así explicou que Gondomar pasará a ser o novo escenario do Festival de Danza “Corpo a Terra”, que se traslada no súa décimo primeira edición a este municipio abandonando Ourense, para no mes de setembro estrear unha nova oferta cultural na que a través da danza e as artes do corpo percorran diferentes puntos urbanos da man dos espectadores, cuxa participación sempre é un punto fundamental neste festival.

Gondomar tamén sacará a escena e ás súas rúas, por primeira vez en Galicia, o Festival de Circo (27 ao 29 de agosto) convertendo a Praza da Paradela nunha gran pista sobre a que actuarán a Orquestra de Malabares, “Vaiven circo” ou “La gata japonesa”.

Festas patronais de San Bieito

Este ano réndese a homenaxe que merece ao Patrón do municipio recuperando as verbenas e as atraccións para os máis pequenos, ausentes hai un ano. A música, os actos litúrxicos e a diversión para grandes e pequenos combínanse no programa preparado para estes días, que arrancará o próximo día 9 de xullo coa actuación da “Banda de Ayer”. Os días grandes prevese a actuación das orquestras “Asia” e “Marbella”, así como a Banda de Vincios, para pechar o programa o día 12 o grupo “La Patrulla”, actuacións todas elas que se desenvolverán nas Pistas de As Cercas.

Entroido de Verán

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, lembra que “o prometido é débeda” e nese sentido apunta o compromiso adquirido en febreiro cando o Entroido 2021 tivo que suspenderse ante o elevado número de contaxios da covid19. “Entón dixemos que o iamos a pospoñer uns meses e que o dariamos todo no noso I Entroido de Verán, afirma o alcalde, que lembrou que se celebrará o próximo día 17 de xullo con animación, actuacións musicais e moitos disfraces nas rúas de Gondomar.

Concertos

Entre as citas musicais destaca a presenza en Gondomar de “Mitic, o espectáculo”, un fenómeno que espertou unha chea de seguidores e seguidoras e que se celebrará o próximo día 21 de agosto. Pero a el sumaranse outras moitas máis actuacións que terán como escenario a Praza da Paradela, como é o caso da Burgas Big Band, La Granja, Gustavo Almeida ou Traspediante+Banda Musical de Vincios.

Un ano máis hai unha clara aposta polos grupos e artistas locais. Así o 23 de xullo regresa a Gondomar Rubén de Lis e o 24 será a quenda do “Soño de Calíope”, concertos aos que se sumarán os de Urbano Cabrera ou “The Bigüis”, “unha mostra clara e evidente do gran nivel artístico e a canteira que hai neste ámbito en Gondomar”, sinala Paco Ferreira.

Cinema e actividades deportivas

Como en edicións anteriores “Gondocultura” quere sumar ao maior número posible de persoas e para iso programaranse actividades dirixidas ás familias e aos máis pequenos como é o caso do “Cinema na rúa” coa proxección das películas “Onward”, “Jojo Rabit”, ás que se sumará a proxección de María Soliña. Ademais regresa unha nova edición da proba “Gladiator Kids deportes” ou a actividade “Deporienta”, que propón un roteiro ao Monte Galiñeiro.

O departamento de Turismo súmase tamén á celebración do verán no Ano Xacobeo organizando o “Camiño de Santiago” por etapas os sábados de setembro e co programa “Descobre Gondomar”, no que se ofrecen roteiros pola localidade para descubrir os seus principais atractivos culturais, etnográficos e históricos.

PROGRAMACIÓN GONDOCULTURA VERÁN