A Garda Civil detén en Baiona aos integrantes dun grupo organizado de mariscadores furtivos

A Garda Civil puxo a disposición xudicial aos integrantes dun presunto grupo criminal organizado que se dedicaba asiduamente ao marisqueo furtivo do percebe no litoral costeiro dos municipios do sur da provincia de Pontevedra. Seis persoas foron detidas, entre elas os principais responsables do grupo, e outras 4 foron investigadas por un delito de pertenza a organización criminal e outro relativo á protección da flora e a fauna.

As investigacións iniciáronse hai aproximadamente 6 meses, no marco da operación “Rasqueta II” desenvolvida polo Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, en colaboración cos servizos de Garda Pesca das Confrarías de Pescadores de Baiona e A Guarda, ante a proliferación do marisqueo furtivo do percebe que se viña detectando no litoral costeiro dos municipios de Nigrán, Baiona, Oia e A Guarda.

O incremento desta actividade ilícita non só conlevaba un grave prexuízo económico para as dúas confrarías de pescadores da zona, que son as encargadas de xestionar a captura do percebe, senón que, ademais, supoñía un importante risco potencial para a saúde pública debido a que comercializaban os percebes sen pasar os previdos filtros sanitarios.

Unha complexa actividade operativa desenvolvida coa eficaz colaboración dos servizos de Garda Pesca destas dúas Confrarías e a exhaustiva análise das múltiples actas de incautación que se realizaron durante os últimos anos, permitiron, non só identificar a todos os integrantes do grupo, senón tamén determinar os roles que desempeñaban habitualmente e os medios materiais e vehículos que utilizaban.

Deste xeito, púidose concretar quen eran os presuntos responsables do grupo, que á vez asumían os labores de extracción, quen exercía as funcións de vixilancia para controlar os movementos dos servizos de Garda Pesca e quen realizaba o transporte da mercadoría.

Segundo os cálculos realizados, a través das actas de incautación púidose determinar que durante este período de tempo intervéuselles algo máis de media tonelada de percebes e, entre todos, deben á Xunta de Galicia, algo máis de 520.000 euros por falta de pagamento das sancións que lle foron impostas.

O grupo está formado por dez persoas, veciños de Baiona, Nigrán, Oia, Tui e Vigo, todos eles con amplos antecedentes, que vivían a expensas do marisqueo furtivo.

As investigacións déronse por concluídas esta semana cando se detén aos dous principais responsables do grupo ao interceptar no centro urbano de Baiona un vehículo e un ciclomotor, despois de ser detectados faenando na costa de Oia. No interior do turismo incautáronselles os útiles e as ferramentas que utilizaban para a extracción ilegal de percebe: un capacho, un traxe de neopreno mollado, unha funda estanca para teléfono móbil e lentes de mergullo.

A operación concluíu coa localización do resto dos integrantes do grupo. En total foron seis detidos, que quedaron en liberdade en sede policial e 4 investigados polos delitos de pertenza a grupo criminal e contra a protección da flora e a fauna. Todos eles deberán comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan requiridos.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo.