Xa á venda as entradas para o concerto de Carlos Núñez en Monteferro

Concerto de Carlos Núñez en Monteferro

O Concello de Nigrán ofrecerá novamente dentro da súa programación especial de verán o concerto estelar de Carlos Núñez o 7 de agosto no miradoiro de Monteferro como parte da xira conmemorativa do 25 aniversario de “A irmandade das estrelas”. O gaiteiro internacional, que debutou o ano pasado neste marabilloso escenario natural esgotando as entradas en sendas citas de “Lugares Máxicos”, ofrece nesta ocasión un concerto baseado no seu primeiro disco (que Sony Music reeditará en vinilo e sae á venda o 2 de xullo). A cita será ás 20:00 horas para fusionar novamente música e natureza co espectacular solpor deste balcón cara ao Atlántico. As entradas están xa á venda a través de ATAQUILLA cun custe de 20 euros + gastos de xestión, sendo un aforo reducido por mor das circunstancias sanitarias.

“Carlos Núñez e o miradoiro de Monteferro forman unha simbiose insuperable, así o demostrou o ano pasado. Agora xuntamos novamente ao mellor gaiteiro do mundo no que consideramos o mellor escenario do mundo para conmemorar un disco que mudou a Historia da nosa música; é unha honra e un orgullo para Nigrán”, incide o alcalde, Juan González.

“O concerto de Monteferro foi a sorpresa do verán pasado para todos nós. Os artistas e o público sentimos dende a primeira nota que estabamos a vivir unha experiencia única. Como unha peregrinación musical a un paraíso fronte ao mar, na que fixemos amigos que viñan de todas partes. E como unha gran familia, prometemos facer tradición e reencontrarnos un ano despois”, sinala o propio Carlos Núñez.

“Monteferro é un deses paraísos onde ás veces veño a tocar, na intimidade, só para min e para a natureza. Porque ten un dos solpores máis impresionantes do mundo. A diferenza cos de lugares como Bahía, Río de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentimos ese intre como unha cerimonia. Segundo os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas”, engade o gaiteiro máis internacional, quen levará a súa xira a lugares entre outros como o Dolmen de Menga (Málaga), os Xardíns da Atalaya en Jerez, a Ciudadela de Jaca, a Quincena Musical Donostiarra ou a Clausura do 50 aniversario do Festival Intercéltico de Lorient.

Novamente, co obxectivo de respectar ao máximo a singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comuñón coa contorna.