
“Nigrán, mar de sabores”, o evento que fusiona gastronomía, ocio e tradición mariñeira organizado entre Concello e Confradía de Pescadores “La Anunciada” coa financiación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), resultou finalista dos primeiros premios Economía Azul na categoría de Diversificación. Esta proposta, que recentemente celebrou a súa segunda edición no porto de Panxón, competirá nunha votación popular cun proxecto de turismo industrial na Costa da Morte e con outro para facer da lonxa de O Grove un lugar máis atractivo. A entrega de premios será nunha gala na Cidade da Cultura de Santiago o 27 de outubro.
O proxecto “Nigrán, mar de sabores”, foi escollido como finalista dentro da categoría de Diversificación, modalidade que ten por finalidade a de promover a diversificación dentro e fóra do sector pesqueiro, principalmente cara outras actividades marítimas. Os obxectivos deste premios “Economía Azul” son recoñecer os mellores proxectos aprobados no ano 2016 no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo dos GALP, que contribuíron ao Desenvolvemento Sostible das zonas pesqueiras; motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP e, finalmente; visibilizar e recoñecer o traballo dos GALP nas zonas pesqueiras.
Con este evento Nigrán quere poñer en valor os produtos pesqueiros locais máis representativos do municipio e o patrimonio cultural asociado ao mesmo. Así, ofrécese degustar diferentes pratos elaborados con produtos que comercializa o pósito e ao mesmo tempo hai unha programación ininterrompida de ocio para todo tipo de público e que inclúe dende exhibicións a obradoiros, xogos, actuacións musicais, exposicións fotográficas, acuarios con especies mariñas locais… Esta segunda edición, celebrada o 2 e 3 de setembro, tivo como eixo a promoción e protección do medio ambiente marítimo e incluíu rutas medio ambientais pola contorna.