Nigrán reunirá este domingo a máis de 450 nadadores na Travesía a nado Costa Serena

Máis de 450 nadadores participarán este domingo na XI Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que reunirá a nadadores de máis de 50 clubs de natación de 10 Comunidades autónomas (Galicia, Asturias, Aragón, Madrid, Cataluña, Canarias, Valencia, Castela-León, Castela-A Mancha e País Vasco) e unha importante representación de nadadores portugueses con idades entre 5 e 72 anos. Nesta edición, a participación das mulleres representa o 30% do total, e estará marcada por un estrito protocolo sanitario para garantir a seguridade de todos os participantes.

Entre os favoritos para gañar a proba raíña están Miguel Martínez Novoa, do Real Club Náutico de Vigo, que se impuxo o pasado ano; Pablo Domínguez Estévez, tamén do Náutico de Vigo, e Marcos Vila Cid, do Club Natación Pavillón de Ourense. Na categoría feminina, Cristina García Marín, gañadora en tres ocasiones, parte co mellor tempo.

Do mesmo xeito que o ano pasado as saídas serán graduadas tipo contrarreloxo nos percorridos de 800, 2.700 e 4.000 metros para evitar a aglomeración de participantes con saídas de 2 nadadores cada 5 segundos. O uso da máscara será obrigatorio para todos os nadadores ata segundos antes da saída, que deberán depositarse nos contedores. Tamén será obrigatorio o seu uso na meta e durante a entrega de trofeos. Ademais, tomarase a temperatura a todos os participantes antes de entrar na auga e delimitarase as zonas de saída, meta e podio para garantir a distancia social entre os nadadores e o público asistente.

Así mesmo, a entrega de bolsas seguirá un estrito protocolo, utilizaranse pantallas de metracrilato e colocarase sinalización para o cumprimento das medidas de seguridade. As bolsas poderán recollerse hoxe venres na tenda Boyer Triathlon Vigo (R/Manuel de Castro, 12) e mañá sábado nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar, en Panxón, de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas.

Entre outras medidas de seguridade están a creación dunha fila única en meta para a chegada dos participantes, que deberán acceder andando, mantendo en todo momento a distancia interpersoal e sen poder correr. Ao saír da auga entregaráselles unha máscara, que deberán colocarse inmediatamente. Ademais haberá máis espazo na zona de avituallamento coa creación de dous corredores independentes por onde accederán os nadadores para coller a bolsa de avituallamento (auga e Powerade, plátanos e rosquillas) e deberán abandonala inmediatamente para evitar a concentración de nadadores. Só se permitirá o acceso a esta zona a nadadores e persoal da organización.

Na saída, meta e a entrega de premios colocaranse varios puntos para a desinfección e hixiene de mans dos participantes.

Percorridos

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip electrónico de Champion Chip Norte. O percorrido longo, con máis de 200 nadadores, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

A proba de 800 metros disputarase en paralelo á costa cunha participación dun centenar de nadadores. A saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e outro de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente.

Premios

Nas probas de 800, 2.700 e 4.000 metros entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba raíña este ano, como novidade, tamén se darán trofeos aos tres primeiros clasificados -categoría masculina e feminina- que naden sen neopreno. Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña.

Así mesmo entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello no momento da inscrición. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

Á entrega de premios está prevista a asistencia do alcalde e concelleiro de Deportes de Nigrán, Juan González e José Luis Sanromán, respectivamente; o Deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, e representantes das empresas patrocinadoras e colaboradoras.

Tras a celebración da travesía todos os nadadores estarán convidados a un aperitivo no Club Marítimo de Panxón, grazas á colaboración da empresa Atunlo, cumprindo con todas as medidas sanitarias e dunha forma graduada.

A Travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, o Concello de Nigrán e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, o concesionario Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial A Ramallosa e Atunlo. Tamén colaboran Powerade, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Asociación Vodea, Waira, Kailúa, Boyer Triathlon Vigo, Ángel Leirós Motos, Talaso Atlántico, Comunica e Clubnatacion.com, entre outros.