A exposición “A Campaña do Argus”, sobre a pesca do bacallau, desembarca na Casa da Navegación de Baiona

A Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (REMA) continua, despois de partir do Aquarim Finesterrae, a singradura da mostra temporal “A Campaña do Argus”, unha exposición cedida polo Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal) e que desembarca hoxe na Casa da Navegación. No acto de inauguración participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a concelleira de cultura, Miriam Costas, e Elena Herbello, Xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda.

O público poderá contemplar o traballo realizado polo reporteiro do National Geographic Magazine e oficial da Armada australiana, Alan Villiers, que en 1950 acompañou aos pescadores portugueses na procura de bacallau nos caladoiros de Terranova, en Canadá. Villiers viviu máis de cinco meses como camarada dos pescadores portugueses. Desa viaxe poderá verse unha colección de fotografías sobre a súa experiencia a bordo do Argus.

A mostra inclúe tamén exemplares da primeira edición do libro “A Campanha do Argus”, considerado un clásico da literatura marítima mundial e que retrata a campaña de pesca do bacallau. Por outra banda, durante a exposición, no auditorio da Casa da Navegación proxectarase a película “The Bankers – The Voyage of the Schooner Argus”, de martes a sábado en horario de 12:00 e 18:00 horas.

Con esta iniciativa preténdese poñer en valor a cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio cultural entre as diferentes zonas costeiras atlánticas. A exposición “A Campaña do Argus” poderá visitarse en Baiona ata o próximo 31 de xullo.