Podemos Nigrán manifesta o seu total desacordo coas actuacións do Goberno local

Podemos Nigrán opina que coas dúas novas modificacións de crédito aprobadas onte na sesión plenaria por valor de 318.000 € a cargo do remanente de tesourería, está a poñerse en serio risco a sustentabilidade financeira do Concello.

A pesar de que consideran que hai investimentos importantes para o municipio, como o acondicionamento do aparcamento da Ramallosa para o seu uso público e a adaptación da antiga biblioteca para crear unha escola de música municipal, estiman que o gasto público debe facerse con previsión e de forma responsable, por iso solicitan que se reatribúan as partidas do orzamentos prorrogados 2021 que se prevexa que non terán execución, a fin de que non se esgoten os aforros públicos de todos/as os/as veciños/as de Nigrán, como se vén facendo coas sucesivas modificacións a cargo do remanente destes últimos meses.

Doutra banda queren destacar a actitude altiva que vén observándose por parte do Alcalde nas sesións plenarias, o intento de conter as intervencións dalgúns/as compañeiros/as do seu propio equipo, “evidencia que ao seu criterio existen concelleiros/as de primeira e de segunda”, facéndose máis visible esta maneira de actuar en canto á nula participación no pleno das mulleres que forman parte do Goberno, aínda cando se tratan temas correspondentes ás súas propias concellerías, relegando a súa valía e fomentando a desigualdade. Sendo máis rechamante esta maneira de facer co trato diferenciado que se dá entre o concelleiro e a concelleira da oposición, con respostas tan pexorativas ás intervencións desta última como “isto é para Sálvame Deluxe”.