As xogadoras do Club de Bolos da Carrasca proclámanse campioas da Liga Galega de Petanca

O Alcalde de Nigrán recibe ás xogadoras do Club de Bolos da Carrasca que se proclamaron Campioas da Liga Galega de Petanca. “O deporte volve situar a Nigrán no máis alto do podio en Galicia, esta vez con 10 mulleres que representarán ao municipio no Campionato de España. Un auténtico orgullo para Nigrán”, declara Juan González.

O Club de Bolos da Carrasca é unha institución de case 100 anos de antigüidade moi vinculada á emigración cunha gran achega á actividade cultural e deportiva do municipio, desenvolvendo dende moitos anos unha tarefa continua de promoción, difusión e defensa da cultura tradicional galega e do deporte.

A pasada semana o Club de Petanca do Centro Cultural “Bolos da Carrasca” proclamouse Campión Galego Feminino da Liga Xunta de Galicia de División de Honra. Un equipo formado por dez mulleres de Nigrán e outros concellos do Val Miñor que competiron durante dous meses con clubs de toda Galicia nunha competición marcada polo estrito cumprimento das medidas sanitarias e protocolos COVID.

“Unha honra para Nigrán contar cun club de tanta tradición e que aposte como o fai pola cultura e o deporte. Felicitar a toda a Sociedade de Bolos da Carrasca e en especial ás compoñentes da equipa feminina campioas galegas, Sita, Mili, Mari, Silvia, Bea, Tania, Olga, Lolailo, Bea e a súa capitá e seleccionadora galega de petanca, Melu”, declara Juan González Alcalde de Nigrán.

Obter o título de Campioas Galegas levará ao Club de Petanca de A Carrasca os días 15, 16 e 17 de outubro ata Torrelavega (Cantabria) para participar na Liga Nacional. Levará o apoio de todo Nigrán e a súa bandeira así como o compromiso de acompañalas do Concelleiro de Deportes, Luís Sanromán, tamén presente no recibimento as campioas galegas de petanca.