A Xunta financiará un obradoiro de albanelería e cantería no Val Miñor

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe que a Xunta investirá na área territorial de Vigo 1,8 millóns de euros para formar a 80 mozos e mozas en cinco obradoiros dos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor.

No conxunto de Galicia, o Goberno galego destinará este ano preto de sete millóns de euros para a posta en marcha de 19 obradoiros que beneficiarán a máis de 300 mozos e mozas de 18 anos o máis inscritas e en situación de beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.

Sobre os novos obradoiros de formación, a representante autonómica sinalou que no correspondente á Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo os alumnos formaranse en deseño gráfico web e dinamización de proxectos (MAIV G. X. 2021); en desenvolvemento de aplicacións web e sistemas de xestión de información no caso da proposta do Concello de Vigo (Formaweb IV); e albanelería e cantería no que levará a cabo a Mancomunidade do Val Miñor (Pedras do Miñor). Xa por último, Redondela TIC II centrará a formación no deseño gráfico por unha banda, e a albanelería por outra; mentres que Moaña Moza II enfocará o programa na organización e xestión de eventos e actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.

Os proxectos son promovidos por concellos, mancomunidades de concellos e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades. Estes programas tamén inclúen a posibilidade de que os alumnos e alumnos, ao remate dos obradoiros, poidan optar a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante un mínimo de seis meses a xornada completa para ocupacións nas materias impartidas na fase de formación.

En definitiva, os obradoiros dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral. O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas para minimizar os efectos da crise sanitaria.