A Xunta financia con 44.000 € a contratación de 3 desempregados para a prevención de incendios no Val Miñor

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano do programa Aprol Rural, unha actuación que se desenvolve por sexto ano consecutivo co principal obxectivo de incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia.

Na área territorial de Vigo beneficiaranse 12 concellos, que coas axudas da Xunta por preto de 197.000 euros, poderán contratar a 14 persoas. En Galicia, en global, apoiarase a contratación de 505 persoas sen emprego en 284 concellos a través dun investimento de sete millóns de euros.

A Xunta financiará o 100% dos custos salariais, cun custo medio por traballador de 13.750 euros, dos contratos que realicen as entidades locais do rural galego, que terán que estar vinculados á realización de tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais, limpeza de montes, silvicultura e xestión da biomasa.

As persoas desempregas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Na orde de axudas deuse prioridade aos concellos fusionados e os emprendedores. Os contratos terán unha duración de 9 meses a tempo completo.

Este programa enmárcanse no obxectivo da Xunta de crear máis e mellor emprego de calidade na Comunidade, ao que se suman outras iniciativas que xa se activaron e que favorecen a contratación nos concellos galegos. É o caso dos obradoiros de emprego, no que se invisten en toda Galicia 30,2 millóns de euros para permitir a formación e o acceso ao emprego de 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, ás que se destinan 6,8M€ para a contratación de 280 persoas ou os Programas Integrados de Emprego, cun orzamento de 8,4 millóns de euros para apoiar a contratación de 3.300 persoas en concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Así mesmo, destacan as axudas destinadas á contratación de 700 persoas perceptoras da Risga, que contan cun orzamento de 7,7 millóns de euros en toda Galicia para dar apoio a 165 concellos ou agrupacións de municipios; ou as axudas para apoiar a contratación de persoas sen emprego para a realización de servizos de interese xeral e social nas que este ano o investimento é de 1,5 millóns de euros para a contratación de 464 socorristas en 163 concellos galegos. Na área territorial de Vigo contrataranse 24 persoas para a realización de tarefas de vixilancia en piscinas ou espazos fluviais a través dun orzamento de máis de preto de 71.000 euros.

Concello
Traballadores
Importe
Salvaterra de Miño
1
13.750€
Salceda de Caselas
2
26.483,58€
Redondela
2
27.500€
Fornelos de Montes
1
13.745,52€
Gondomar
1
16.500€
O Porriño
1
13.745,52€
Mos
1
13.745,52€
Baiona
1
13.750€
Cangas
1
16.500€
Moaña
1
13.750€
Soutomaior
1
13.750€
Nigrán
1
13.750€
TOTAL
14
196.970,14€