Sin categoría

Gondomar proxecta a sinalización accesible e interactiva dos seus Puntos de Interese Turístico

A Concellería de Turismo de Gondomar vén de presentar o seu Proxecto para a sinalización accesible e interactiva de Puntos de Interese Turístico (PIT), ao programa Leader.

Son fondos que a Unión Europea destina desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de xeito que o territorio rural deixa de ser un receptor simple destas políticas para converterse nun protagonista do seu propio desenvolvemento. Este ambicioso e vangardista proxecto, utiliza as máis recentes Tecnoloxías de Información e a Comunicación, ten a particularidade de estar pensado para sociedades plurais como a nosa, e especialmente para persoas con diversidade funcional.

Trátase de crear en Gondomar un sistema intelixente, innovador, e pioneiro no estado español que permita incrementar a visibilidade do patrimonio da vila, de ser un referente como modelo de adaptación e achegamento das novas tecnoloxías ao servizo das persoas con diversidade funcional, de internacionalizar, sen límites de fronteiras os excelentes recursos patrimoniais e naturais de Gondomar, para que en definitiva sexa un reclamo desestacional e non estival, que o singularice fronte aos outros concellos da área.

O Concello, con este proxecto, incide nas novas tecnoloxías e as redes de internet, que teñen rexistrado bos resultados en proxectos lanzados con antecedencia.

BALIZAS INTELIXENTES

“Temos deseñada unha ferramenta de información de Puntos de Interese Turístico (PIT) que integre unha solución TIC baseada na utilización de sistemas de balizas intelixentes (iBeacons) que permitan achegar un valor diferencial, e supoñan unha mellora substancial na accesibilidade da información ás persoas con diversidade funcional, e implique nun incremento do atractivo turístico da vila de Gondomar”, sinala Xosé Antón Araúxo.

Un beacon é un dispositivo de baixo consumo que emite un sinal broadcast, e son de tamaño moi reducido. Utiliza conexión bluetooth de baixo consumo (BLE) para transmitir mensaxes ou avisos directamente a un dispositivo móbil sen necesidade dunha sincronización dos aparellos, o sinal é captado por estes dispositivos que a súa vez procesan a información a través dunha aplicación específica que leva a cabo análise máis detallada para guiar os comportamentos baseados na localización específica do dispositivo móbil.

A diferenza do GPS, as balizas poden ser utilizadas para a localización exacta dentro dunha contorna pechada ou para o proceso de encadeamento de accións. Como pode ser pagar un café nunha máquina, identificarse para abrir unha porta, etc…

A baliza emitirá un sinal ao teléfono móbil do usuario, a unha distancia predefinida individualmente por baliza, indicándolle que está diante dun elemento de interese patrimonial.

Esa baliza permitirá abrir a aplicación de Turismo preinstalada no teléfono móbil do usuario e abrir a ficha completa do PIT segundo as preferencias elixidas polo usuario. Sexa modo texto ou modo interpretación de texto en audio. Se o usuario non desexa consultar o elemento tan só ten que ignorar o aviso como se unha mensaxe de mensaxería se tratase.

“Adaptaremos a sinalización tradicional aos novos sistemas de innovación tecnolóxica que melloren a accesibilidade a persoas con ou sen diversidade funcional, mediante balizas intelixentes. Ao tempo reduciranse os custes económicos de mantemento e actualización da información turística e minimizar o impacto ecolóxico e visual dos elementos de sinalización, xa que efectuarase a actualización dos contidos dos PIT de xeito remoto. Permitirá tamén priorizar o formato dixital e que sexan trazables mediante dispositivo GPS (trackGPS)”, engade o concelleiro de Turismo.

FASES

En primeiro lugar, identificarase, sinalizarase e divulgarase todos os PIT do concello; inicialmente plasmados nunha guía en papel e nunha aplicación móbil . Co novo proxecto haberá unha sinalización física, introducindo unha mellora tecnolóxica que favoreza a accesibilidade ás persoas con diversidade funcional.
Para conseguir este obxectivo xeral que se expón no presente proxecto, establécense os seguintes obxectivos específicos:

  • Sinalización dos PIT con soportes físicos e balizas intelixentes.
  • Dixitalización , trazado e xeolocalización de rutas turísticas con PIT.
  • Creación dunha plantaforma para a xestión das balizas intelixentes.
  • Desenvolvemento e integración do sistema de balizas cunha aplicación para teléfonos móbiles que amosen a información do PIT segundo as preferencias de accesibilidade do usuario.
  • Adaptación e interpretación de contidos dos PIT á linguaxe de signos.
  • Accións de formación e asesoría ao persoal técnico de turismo do Concello.
  • Accións de promoción e difusión dos elementos de valor ou interese turístico e ou patrimonial.

AS RUTAS E OS PIT

No extenso proxecto detállanse en 30 roteiros divididos en dous tipos: 23 temática mesturada e 7 monotemáticas, que van dende os 4,0 Km ata os 59,5 Km. Inclúen paisaxismo, vexetación e natureza, percorridos de auga, etnografía, patrimonio construído e histórico, etc. Cada un dos tramos estará documentado con:

  • Distancia do percorrido.
  • Altitude máxima e mínima.
  • Desnivel máximo subindo e baixando.
  • Evaluación da dificultade técnica.
  • Tempo necesario para percorrelo.
  • Perfil de altitude.