Os rapaces do grupo de maiores do proxecto Vincúlate visitan a protectora Os Palleiros

O día 23 de xuño, o grupo dos maiores do proxecto Vincúlate, acompañados pola responsable do proxecto no Concello de Baiona e pola responsable de ADA intervencións, tivo a oportunidade de visitar a protectora Os Palleiros, de onde veñen os cans cos que traballan todas as semanas dende hai tres meses. Na visita, os rapaces e rapazas percorreron as instalacións acompañados pola presidenta da protectora e parte do persoal voluntario, que lles explicaron o funcionamento da mesma, que nestes momentos acolle a un total de 65 cans nas instalacións e 25 en casas de acollida.

A continuación o grupo almorzou na casa ANCEU Coliving, un espazo multicultural onde xente de todo o mundo ten a oportunidade de vivir e traballar de forma remota compartindo un espazo común na vila de Anceu. A experiencia está resultando moi enriquecedora tanto para os 30 participantes no proxecto como para as distintas persoas que, dalgunha maneira, colaboran ou participan no mesmo.

O alcalde, Carlos Gómez, resalta que “o obxectivo desta visita era cumprir cunha demanda feita polos propios rapaces, moi implicados no proxecto, que querían coñecer máis a fondo o día a día dos seus compañeiros de catro patas así como tamén aproveitar a visita para continuar traballando tanto nas habilidades sociais como na xestión emocional, xa que o enfrontarse a esta realidade do abandono animal é unha boa oportunidade para afondar nos sentimentos e traballar sobre a súa xestión”.

Carlos Gómez explica que “a idea é que os participantes neste proxecto teñan a oportunidade de coñecer diferentes realidades de ocio e laborais que lles podan axudar á hora de encamiñar a súa vida adulta así como tamén que se enfronten a situacións novidosas que lles xeren inquedanzas e os motiven”.

Así mesmo quere agradecer o interese amosado por Ángela González Martínez, responsable do departamento de anatomía, produción animal e ciencias veterinarias da facultade de veterinaria de Lugo, que se desprazou para ver o desenvolvemento das sesións cos rapaces e rapazas e visitou as instalacións da protectora co fin de colaborar facendo un estudo dos beneficios do proxecto nos animais participantes do mesmo e as actividades que se desenvolven no municipio de Baiona.