Gondomar declárase “municipio de liberdade” para toda as persoas independentemente do xénero ou afinidade

O Concello de Gondomar sumouse un ano máis á celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+ con diferentes actividades, a edición dun vídeo e a redacción dun manifesto no que lembra “o seu compromiso real no desexo de construír unha sociedade libre, inclusiva e segura, na que todas e todos coas nosas características e identidades sexamos iguais, e defendamos sempre a diversidade e a pluralidade”.

O goberno, a través da súa Concellería de Igualdade, publicou na páxina web oficial do concello, así como nas redes sociais, o manifesto elaborado para a ocasión e no que unha vez máis amosa o seu apoio ao colectivo LGTBIQ+, destacando que “a unión entre a cidadanía e as administracións son esenciais para acabar coas forzas políticas e sociais emerxentes que perseguen a diferenza con mensaxes de odio, inaceptables no século XXI”.

Un día necesario e que “debería servir para recordarnos que non todo se logrou e que non debemos baixar a garda porque a unión é máis necesaria que nunca ante leis baseadas no odio, na ignorancia ou no medo á diferenza como as aprobadas recentemente polos gobernos europeos de Hungría ou Polonia”.

Actividades

A semana anterior, o Concello de Gondomar, en colaboración cos Concellos de Baiona e Nigrán, acolleu un recital poético de Petra Portes e un ciclo de curtametraxes de Carmen Granxeiro baixo o lema “Orgullo é Resistencia”, organizado por Orgullo Crítico Val Miñor. Ademais, durante toda a fin de semana e hoxe o Concello iluminou a súa fachada coas cores da bandeira que identifica o movemento do colectivo LGTBIQ +.

Vídeo

Finalmente, editouse un vídeo no que se recollen as ideas que representan as cores da bandeira LGTBIQ+, así como frases que defenden a integración de todas as persoas, como o que son “persoas á marxe das súas afinidades sexuais, a súa raza ou o seu xénero”, conclúe o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, quen reitera que “este é un traballo para todos nós, fronte ao que debemos seguir camiñando xuntos e non dar un paso atrás”.