O CPA Gondomar debuta co seu novo show grande promocional no alto do podio do III Trofeo Salvaterra Milenaria

“El huésped” é o nome do novo show grande promocional do Club Patinaxe Artística Gondomar: “Algo descoñecido e inesperado chegou á Vila devastando todo o que atopa no seu camiño…”

Novamente o club gondomareño, da man do seu adestrador David Figueroa, deixa pampos aos seus seguidores, presentando un novo grupo de show, nesta ocasión de gran tamaño, e estreándose nesta categoría non só consegue subir ao podio senón que o fai no máis alto conseguindo ser campións do III Trofeo Salvaterra Milenaria na súa categoría.

O debut das gondomareñas tivo lugar este sábado, na categoría de grupos grandes promocionais, no Pavillón Polideportivo Cándido Carrera, en Salvaterra do Miño.

Saíndo sétimo o Club de Patinaxe Artística Gondomar con “El huésped”, conseguiu facerse coa primeira posición reflectindo as horas de adestramento así como o esforzo do grupo, que adoita caracterizar aos patinadores do recoñecido adestrador David Figueroa, todo iso tendo en conta o ano tan atípico superado.